
A activista noiesa recollerá o sábado o seu sereo no Pazo de Goiáns (Boiro)
11 dic 2022 . Actualizado a las 10:45 h.Ana Blanco nace unida a Rosalía de Castro para non separase xamais. Seu pai descúbrelle a súa figura, pero o resto do camiño faino ela. A súa traxectoria como muller comprometida coa cultura e coa súa terra está fondamente marcada pola súa implicación en asociacións culturais e moi especialmente polo seu labor na Fundación Rosalía. Destas inquedanzas, asegura a noiesa, nacería Barbantia, unha entidade que agora a recoñece polo seu fondo compromiso coa cultura e pola súa traxectoria persoal.
O sereo da asociación Barbantia foille entregado este sábado no Pazo de Goiáns e supón para Ana Blanco un recoñecemento cheo de orgullo: «Non é só unha emoción enorme, senón que é o broche da miña actividade de 50 anos no mundo da cultura. Estou enormemente satisfeita de que sexa a miña xente quen me recoñece».
A poesía marca a historia de Ana Blanco malia que, como di ela, nunca formou parte activa. «Eu non escribo poesía, logo non podo ser poetisa. O que si son é recitadora, porque penso que os versos deben ser escoitados. Ese é meu oficio, miña misión», explica a noiesa.
Este amor pola lírica nácelle no paseo da Ferradura, en Santiago. É alí onde seu pai lle descubre a figura de Rosalía, que a marcaría non só dun xeito literario. «Sempre me identifiquei con Rosalía, comecei a lela dende moi nova. Impactoume o seu feminismo, que manifestaba dun xeito tan elegante. A súa ironía, o seu sentido do humor... sáenme polos poros».
Malia que Ana Blanco dedique toda a súa vida á cultura, se hai unha palabra que a defina é a modestia: «Eu son unha obreira da cultura. Non me gusta alardear de nada, pero si é certo que traballei moito, sobre todo dentro da Fundación Rosalía, onde fixen cousas das que estou enormemente orgullosa».
É precisamente na Fundación Rosalía onde Ana Blanco alcanza o cénit da implicación coa actividade cultural galega, ata chegar á directiva da entidade. Da súa man saíron algúns dos máis importantes actos sobre Rosalía, coma os Diálogos, o disco Daquelas que cantan, ou a exposición A Rosalía ilustrada: «Eu son do partido rosalián, teño unha devoción pola autora que me levou a facer espectáculos poéticos», admite a noiesa.
Asociacións culturais
A Fundación Rosalía non sería, malia a súa pegada na vida de Ana Blanco, a única asociación na que estivo fondamente implicada. A Catavento faría semente, como asegura a activista, para a creación de Barbantia. «As asociacións culturais fixeron un gran labor nun tempo no que non era sinxelo expresar certas cousas. Ese espazo de reivindicación ocúpao agora Barbantia, que abarca moitísimo polo seu poder de convocatoria, os seus participantes, o seu anuario…»
Mudanzas no tempo
Este mundo da cultura, no que entrou nun tempo no que non se lles facía oco ás mulleres, foi mudando ao longo dos anos. Agora, asegura Ana Blanco, a realidade é distinta. «Hoxe en día hai moita participación de xente en diversos aspectos deste mundo, pero eu creo que para formar parte del non valen só os coñecementos, tamén é unha actitude. Podes saber moito e non deixar de ser un inculto».
Aínda que para a amante de Rosalía o sereo de Barbantia sexa o broche da súa traxectoria profesional, o certo é que, segundo as súas propias palabras, aínda lle queda moito por facer: «Son moitos anos, e aínda así penso, cantísimo máis puiden facer! Iso si, tiven a sorte de coñecer a xente moi importante e teño de todos eles unhas enormes experiencias.».
Que queda pendente entón nunha vida entregada á cultura? Ana Blanco asegura que a escrita: «Gustaríame poder escribir con autenticidade e sinxeleza, porque eu son recitadora». Neste sentido, non deixa pasar a oportunidade de ser algo crítica co eido: «Ás veces neste tipo de sectores non é que non queiras, é que non te deixan facer. Pero este é un momento de alegría e quero desfrutalo. Iso si, cando acabe esta celebración, vou dar un repaso a este mundo e como se foi desenvolvendo», advirte a noiesa Ana Blanco entre risos.