Pois o calendario xa se vai enchendo con festas de Nadal. Ás ceas e comidas de Nadal pásalles como ás luces urbanas desta festividade: cada vez chegan antes. Todo pode acabar sendo unha cea de Nadal.
Algún coñecido que non ves desde hai uns meses, queda contigo e no medio da conversa intúes —porque non o di— que fíxoo por ser Nadal. Esa caña con tapa de callos é o seu xeito, un tanto curioso, de felicitalo sen que se note moito. Non vaia ser.
Non serei eu quen vaia en contra das festas sorpresa, ou mesmo das festas que suceden sen pedirmos permiso e que rematan tomándolle a última ás sete da mañá nalgún bar cochambroso de ambiente portuario. De feito, todos sabemos que esas son as mellores noites.
Pero estou moi a favor de que cando menos non che collan a contramán, a iso de martes e tendo que ir traballar o día seguinte ben cedo pola mañá. Que teñas o ánimo e o corpo preparado para cea de Nadal, vaia.
Os galegos somos moito de facer as cousas sen explicalas. Como se nos cobraran por dicir ás outras persoas que nos importan. Por exemplo: póñente a parir nas redes sociais e pouco despois alguén que non ves hai tempo queda para tomar unha caña en suposto sinal de solidariedade, aínda que non mencione o asunto.
E se non lle dá a carteira ou as ganas, aplicarache un like insólito nun post improbable, como unha demostración de apoio que entenderá como pública e valente. Andade con coidado estes días. Por aí ha de haber alguén querendo expresarvos cariño sen comprometerse moito.