Os actos estenderanse durante o mes de agosto máis alá da tradicional ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda o día 17
04 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Pobra estende a todo o mes os actos conmemorativos co gallo do Día da Galiza Mártir. O concelleiro de Memoria Histórica, Xabier Santos, e a edila de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, presentaron un programa que inclúe teatro, cine e unha exposición, ademais da tradicional ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda, que terá lugar o día 17 ás 12.30 horas.
As actividades inícianse xa o vindeiro martes día 9 coa representación de A señora de Forcadela, a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns, no cine Elma ás 21.00 horas. A obra baséase na biografía da mestra Josefa García Segret, extensible á doutras mulleres represaliadas a partir de xullo de 1936.
O día 17, ademais da ofrenda floral, sobre as 13.00 horas, estará nos xardíns de Valle-Inclán a exposición do bosquexo da escultura pola memoria histórica elaborada por Manuel Teira, que está previsto que se inaugure en novembro. Para finalizar, o día 25, no cine Elma ás 20.00 horas, proxectarase o filme Reboiras. Acción e corazón, de Alberte Mera, sobre a vida de Moncho Reboiras.