Pepe Vila: o activista que viu cumprido o soño de Ramón Sampedro

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O sonense recibirá sepultura no cemiterio de Xuño na tarde deste martes

01 ago 2022 . Actualizado a las 18:09 h.

Pepe Vila era un home comprometido. Coa súa familia, primeiramente; coa súa parroquia, Xuño; e coas causas xustas. Por iso, o seu nome estará ligado para sempre ao dereito a unha morte digna. Abandeirou esa loita durante décadas, unha causa que fixo propia pola amizade que o unía a Ramón Sampedro, e puido ver cumprido o soño do seu bo amigo coa aprobación la lei de eutanasia o ano pasado. Nunca dubidou de que se conseguiría, era cuestión de tempo, e, por ese lado, pode descansar en paz.

Pero non sería xusto recordar a Pepe Vila só pola súa responsabilidade dentro colectivo Dereito a Vivir Dignamente (DMD), onde tivo un papel relevante, porque el foi moito máis que iso. Era, en resumidas contas, unha persoa coa que se podía contar, sempre disposto a axudar, individualmente aos veciños que acudían a el, e colectivamente na procura de melloras para a súa parroquia. Foi un dos fundadores da asociación Sartaxas, que no seu día conseguiu a creación dun centro de saúde en Xuño, por poñer un exemplo; colaboraba activamente coa asociación contra o cancro e mesmo impulsou unha exposición para dar a coñecer a novos artistas do municipio sonense.

Facía todo iso e máis, sempre co seu sorriso como carta de presentación. Non adoitaba mostralo nas fotos das múltiples entrevistas que ten concedido, principalmente cando tocaba organizar a homenaxe anual a Ramón Sampedro na praia das Furnas, pero nas distancias curtas sempre amosaba un sorriso amplo e franco.

Esa será a imaxe que gardarán na memoria os que o querían, a dun home afable, amable e sorrinte ao que na tarde deste martes, a partir das 18.00 horas, darán o último adeus na igrexa de Santa Mariña de Xuño.