Último minuto

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«O outro día, unha rapaza publicou na rede que estaba agobiada porque aínda non reservara o hotel para unha escapada da ponte de decembro»

28 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

outro día, unha rapaza publicou na rede que estaba agobiada porque aínda non reservara o hotel para unha escapada da ponte de decembro. A min decembro de 2022 resúltame como unha película de ciencia-ficción. Fícame tan lonxe que penso que para entón xa tomaremos as uvas en coches voadores. Tendo en conta que a gasolina está polas nubes, paréceme perfectamente factible. Admiro —ben, tampouco moito— á xente que leva unha vida tan estruturada e apracible como para estresarse á hora de escoller un hotel para dentro de cinco meses.

Pola contra, eu collo vacacións agora en agosto e a perspectiva para os vindeiros quince días parécese a ese folio en branco que sofren os escritores estresados polo prazo de entrega final para o que xa non hai prórrogas. Máis que un folio en branco é un reloxo coa conta atrás. Cada minuto que pasa a plataforma de reservas avísanos dun choio hoteleiro perdido por culpa da nosa indecisión.

Pero o certo é que ao final pasa como no teatro: aínda que o presente inmediato pinta negro, a viaxe sempre sae adiante. Non direi esa cursilada de que nos deixamos levar polo inesperado, porque non é así, pero dedicámoslle á preparación da viaxe as numerosas horas do desprazamento en coche ou noutro medio ata ese destino borroso que decidimos horas antes. Adoita valer.

Con termos onde durmir, o resto irá máis ou menos sucedendo. E direilles unha cousa: en vinte anos a cousa nunca saíu mal. Xa lles contarei á volta, dentro dun mes. Mentres, proben a improvisar.