Enxurradas

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

21 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a vivir unha lamentable enxurrada nas redes sociais, con comentarios queixándose da falta de empatía dos turistas con aspectos da nosa cultura, da presenza da lingua galega ou de incomprensión ao redor dos museos. Aínda que non me gusta nada, pero nada, moito do ton que vexo nesas opinións hai que recoñecer que revelan algúns dos aspectos máis lamentables do desenvolvemento turístico. Xente irrespectuosa e, xa que logo, pouco desexable. Cada vez teremos un turista menos interesado na experiencia cultural e si en vir a unha praia fresquiña e comer barato.

Pero o turismo non só vén, senón que se fai por que veña. Nas nosas comarcas, menos xacobeizadas, aínda temos certa capacidade para orientar o tipo de turismo que queremos ter. E poño dous exemplos: o Barolo, no norte de Italia, unha zona vitícola e paisaxística visitada sobre todo por clientes occidentais de mediana idade con forte poder adquisitivo. Nin a curto nin medio prazo temos equipamento para satisfacer ese cliente, pero penso noutras zonas coma o Pireneo francés. Cun turismo de clase media e novo, moi interesado na natureza, e moi respectuoso co seu contorno natural e cultural, ou o Ring of Kerry, en Irlanda, con características semellantes. Incorporar o turista internacional é clave para mellorar este ambiente de comprensión cultural.

Deberamos preguntarnos que ofrecemos para acollelos. Como pode gozar da nosa cultura e identidade un turista curioso co mundo que lle rodea. Co noso mundo. Podemos mellorar moito.