Esa voz

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

19 may 2022 . Actualizado a las 10:28 h.

O Pentágono presentou estes días un informe sobre avistamentos de ovnis e a min o tema este tráeme nostalxias dos anos 80, cando aos quioscos da Pobra chegaban aquelas revistas coa barba do famoso psiquiatra Jiménez del Oso.

O Barbanza sempre foi un territorio moi contado polos investigadores do oculto, que teñen publicado divertidísimas crónicas con topicazos e flipadas sobre a procesión do Nazareno, o campanario de San Martiño de Noia ou o San Campio de Outes.

Nos anos 80, grazas a certo material de importación, apañábanse moitos avistamentos de ovnis. A estación EVA-10 do monte Iroite dábanos un importante caché de película americana con bases militares secretas e encontros na terceira fase. Tamén estaban de moda as psicofonías, esas voces misteriosas das gravacións, por mor dunha famosa cassete de Jiménez del Oso, do ano 1989, que puña os pelos de punta.

Hai uns anos, nunha conferencia que din na comarca, un home achegouse cun sorrisiño. «Eu sei unha cousa de ti», díxome. É frecuente que haxa señores que se me acheguen con algún suposto segredo inconfesable da miña infancia. «As psicofonías», deixou caer con certa malicia. A lembranza chegoume do fondo do encéfalo.

Unha vez, con 13 anos, fora gravar con amigos, como a metade dos adolescentes dese tempo, a ver se dabamos con algún defunto falador. Deixaramos a gravadora prendida nun nicho do cemiterio. Miroume esperando a miña vergoña. «E non te deu medo a voz que gravamos?», contesteille. Asombreino. As lendas e os díxome-díxomes hai que traballalos.