Vitralista

EME CARTEA

BARBANZA

«Bailarina alegría» é unha peza singular, contemporánea, de María Goretti Bello.
«Bailarina alegría» é unha peza singular, contemporánea, de María Goretti Bello.

30 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacida en Australia, de familia ribeirense, María Goretti é unha artista internacional, perseverante e poliédrica que leva máis de 30 anos a crear en distintas técnicas (óleo, acrílico, vídeo instalación, performance), estilos e materiais. Hoxe, a súa gran paixón é o vidro, o que lle permite xerar sorprendentes sensacións visuais mediante a harmonía e o contraste tonal, a forza simbólica da forma e da cor como terapia, e dos «lugares de poder», conxunción enerxética e desfrute entre o espectador e a obra.

María Goretti sérvese das calidades do vidro á vez fráxil e duro, pero sempre versátil e lucente, e a maxia do brillo e esa translucidez fan que manipular este material sexa como modelar a ardentía na tona do luar. A «vidroarte» utiliza vidros coloreados ensamblados nunha rede de chumbo, manifestación artística medieval, que acada o seu apoxeo nas vidreiras catedralicias góticas, e permanece sen grandes innovacións. A súa transparencia vaille outorgar abraiantes posibilidades visuais dependendo do ángulo de focalización e do punto de observación. Neste caso, un traballo d’avant-garde modernista, en frío.

Formas varias

O vidro capta o fulgor que o atravesa e dá lugar a unha sucesión de formas varias, móbiles e cambiantes, en función da particular intensidade e traxectoria da luz e da pureza das cores que a retina é quen de recrear e reter. Por iso, Bailarina alegría ocupa o punto álxido, a clave entre o mundo real e o espiritual, entre o sensorial e o simbólico, e xera lazos de emoción e alegría que nos conmoven e nos moven.