Rosalía, Castelao e ti

La Voz

BARBANZA

X. Ricardo Losada

30 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das razóns de que ás veces dubide dos beneficios da lectura é a incapacidade de moitos intelectuais de dicirlles a verdade aos amigos sobre os seus libros e a irritación destes ante unha mala crítica ou un gusto diverxente. Hai unha anécdota de Proust moi significativa. Un amigo mándalle un libro para saber a súa opinión, e el contéstalle: «O que lin paréceme moi fermoso. Sei que ti fuches duro co meu libro, pero seguro que se debeu a que che pareceu malo. Polo mesmo, porque a min o teu pareceume bo, alégrame dicircho e dicírllelo aos demais». Sería un comentario para sacarlle o sombreiro se non fose porque entre os papeis que Proust deixou á súa morte apareceu unha nota que escribiu un pouco antes de mandar esa, e na que se limita a gabar a cantidade, non a calidade, da obra do amigo, e a criticar o seu orgullo, a súa desconfianza e o seu infantilismo.

Eu descubrín algo curioso ao comezar a publicar. Hai persoas que te gaban de forma desmesurada cando escribes mal e que non din nada cando escribes ben. Gozan vendo como o teu ego se inflama polo seu comentario hipócrita, e sofren cando ven que es quen de escribir dignamente. Resentidos, envexosos, apoucados. Como diría miña avoa, nin comen nin deixan comer. Non é o caso, desde logo, de Proust. Segundo contan os seus biógrafos, tiña unha necesidade case patolóxica de ser querido polos demais, e pasaba a vida intentando gañarse o seu favor con constantes afagos. Iso, por suposto, non o xustifica desde o punto de vista intelectual, pero si desde o punto de vista humano. Ao fin e ao cabo, arruinouse comprándolles flores e regalos aos amigos.

Tendo moi presente esa anécdota, e que os humanos nos negamos a detectar a hipocrisía cando nos afagan, cando comecei a publicar decidín, primeiro, agradecer, pero, segundo, non crer ningún dos comentarios positivos que me facían sobre os meus escritos. Hoxe sei que fixen ben, e é algo que lles recomendo aos escritores novos. Aínda que non poida dicir con seguridade se son un escritor digno, podo afirmar, con total convicción, que son un escritor mellor.