A tempo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«Sempre teño sentimentos atravesados coas vacacións de Semana Santa»

14 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre teño sentimentos atravesados coas vacacións de Semana Santa. Adoito decatarme delas cando xa é demasiado tarde, os prezos dos voos andan polas nubes e o único dispoñible adoitan ser esas estrañas combinacións con escalas que comezan misteriosamente ás 15.00 horas no aeroporto de Santiago de Compostela e rematan chegando ao destino —dentro de Europa— ás 11.00 da mañá do día seguinte.

Como polo momento o turismo de terminal aeroportuaria non me resulta moi tentador, adoito resignarme a explorar a Península e evitar perder unha noite de escalas.

Os galegos sempre temos a alternativa de Portugal, que como ten un cambio de hora, natas ricas e todos os carteis das cidades en galego, é capaz de crearnos a ilusión de que estamos viaxando ao estranxeiro. Adoro Portugal, pero teño un problema con viaxar por este país: algo hai na deliciosa gastronomía portuguesa que fai que aos dous días estea debecendo por unha pescadiña en caldeirada e camiñando inchado coma un trompo. Así que para solucionalo opto por unha zona de comidas lixeiras, como pode ser a montaña asturiana ou cántabra.

A estas alturas da tempada aínda adoita haber algo de fresco, se cadra un pouco de neve co que alegrarnos a vista. Desta volta, metereime no fondo das montañas para tentar observar, guiado por especialistas, eses osos que en Asturias xa comezan a ser tan abundantes como para nós os porcos bravos.

Aínda que eu sempre chegue demasiado tarde á Semana Santa, sempre estamos a tempo para atoparnos coa Natureza.