Todo é gañar

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«A enquisa de Sondaxe é coherente con outras enquisas realizadas por outras entidades nos últimos anos, así que as tendencias parecen fiables»

17 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, o Barbanza tivo titulares en toda Galicia por unha noticia que non é nin boa nin mala senón todo o contrario. A comarca e a ría de Muros e Noia son, xunto con Ourense sur, os territorios de Galicia nos que se fala máis a lingua galega. A enquisa de Sondaxe é coherente con outras enquisas realizadas por outras entidades nos últimos anos, así que as tendencias parecen fiables.

Por que? Pois porque os datos se cargan de raíz toda unha manchea de tópicos que asocian a lingua galega co atraso e co illamento, e que falan desta lingua como unha especie de reliquia que vai ficando nas zonas máis distanciadas das cidades, en distantes vales montañosos e cousas así. Onde o galego está máis vivo é nunha comarca vibrante, cunha alta taxa de natalidade (para o que é Galicia), incardinada coa AP9 e co Eixo Atlántico e cunha economía importante. Os datos desmontan a falsa asociación entre o galego e o atraso e máis ben o contradín.

Máis alá das cidades, que seguen outras dinámicas históricas máis complexas, o idioma é un marcador dos ritmos dunha sociedade. No Barbanza deuse, ao longo da segunda metade do século XX, un forte ascenso social motivado polo mar. O galego non foi un problema para prosperar na comarca, e en gran medida segue sucedendo o mesmo. Por iso as campañas de normalización funcionan pouco: porque tratan a lingua como algo illado, e non vai así. Cando prosperen económica e socialmente os galegofalantes, prosperará tamén a lingua. Todo é gañar.