José Antonio Cortés Laíño: «Ler dános armas para contrarrestar o pensamento hexemónico»

JOAQUÍN CORTÉS LAÍÑO

BARBANZA

Abraldes

Goza do xenio dos demais, de aí vén o seu afán por coleccionar obras

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado en 1950 en Cabo de Cruz, no seo dunha familia numerosa. Cursou estudos na escola do seu pobo, nos colexios Sagrado Corazón de Boiro, Galaxia de Ribeira e Peleteiro de Santiago. Fixo a carreira na Facultade de Medicina de Santiago, e Neuroloxía no Hospital Clínico Universitario. Foi un dos primeiros neurólogos de Galicia, e o primeiro de Lugo, onde iniciou e potenciou a especialidade. Foi socio fundador e, máis tarde, presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía. Considérase humanista tanto desde o punto de vista cultural como filosófico-relixioso. Xubilado do seu traballo no Sergas, segue coa actividade privada.

Facemos a entrevista na súa casa de Lugo, con vistas á cidade e ao río Miño, sentados no salón, rodeados de discos, libros e obras de artistas galegos, en fronte dunha gran ventá que mira ao xardín, que el mesmo coida.

-Desde cando a afección pola lectura? Que tipo de literatura ou temática che gusta máis? Tes un autor preferido? Les en pantalla ou en papel?

—Desde que aprendín a ler teño a afección. Xa de neno lía case todo o que caía nas miñas mans: O periódico, cómics, revistas gráficas de Corín Tellado, o Reader Digest, novelas, os libros de texto de Álvarez e, recordo, ata os prospectos das menciñas. Podo ler poesía e teatro, pero prefiro a novela e o ensaio, sobre todo de filosofía e pensamento. E inda que non teño un autor preferido, considero a Jorge Luis Borges como diferencial e, salvo cousas curtas e illadas, sigo lendo en papel.

-Para que serve ler tanto?

—Para ser máis libre. Cando os plans educativos teñen cada vez menos en conta as humanidades, os axentes económicos aplican técnicas psicolóxicas que caberían dentro do que é algún tipo de filosofía do poder, aplicadas para influír en nós, manipularnos e facernos dependentes. Por iso, ler dános as armas para contrarrestar o pensamento hexemónico que tratan de impornos.

-Nalgunha ocasión escribiches colaboracións en xornais. Segues a escribir?

—Durante algúns anos escribín artigos para El Progreso de Lugo. Deixei de facelo cando me pareceu que o facía máis por vaidade que por necesidade. Agora case non escribo, ou fágoo para min, para algúns amigos ou a familia. Desfruto lendo os que o fan ben, clásicos e contemporáneos.

-Que recordos che quedan da infancia?

—Recordos marabillosos! Os lugares da nenez, de meus pais, dos meus outros catro irmáns, dos amigos e dos xogos infantís como o peón, a estornela, o indios e vaqueiros, as verbenas, o fútbol, o cine de meu pai, os ritos relixiosos… A infancia será sempre, para min, a verdadeira patria.

-Por que decides estudar medicina se na túa familia non había ningún médico?

—Pensei primeiro ser profesor, e non dubido que sería un acerto de telo feito. O desexo dos meus pais de que fixese unha carreira superior, a aura romántica da medicina, a reverencia por don Pepito, o noso médico de cabeceira, novelas como A cidadela ou Corpos e almas, e certa vocación, axudaron. Unha vez que fun docente como profesor na Escola de Enfermería, e na formación de residentes, cumprín co meu desexo de ensinar.

-Por ser ti de Cabo de Cruz e a túa muller de Ribeira, por que elixistes Lugo para vivirdes e non unha cidade con mar?

—Nacín fronte ao mar e o cuarto que de nenos compartimos ti e máis eu daba ao sur, cunha azotea que dominaba a ría; a miña escola estaba situada no porto; o meu pobo é case unha illa na que o mar é omnipresente; de neno mariscaba e ía de pesca con outros rapaces veciños; a todo isto engade a praia nos veráns... Xa levo o mar en min mesmo, non o preciso perentoriamente. Inda así, a miña segunda residencia está en Ribeira, a cen metros do mar, e acostumo nadar no verán e no inverno. Desfruto da Galicia do interior e da Galicia costeira. Un privilexiado.

-Desde cando e por que xurdiu en ti a afección de coleccionar obras de arte? É caro? Tes algunha obra preferida? Gustaríache ter na casa algunha obra que teñas visto en museos?

—A pesar de que intento aprender a «ser» en vez de «ter», como ensina o filósofo Erich Fromm, non consigo dominar a miña tendencia a coleccionar. Pero non teño a disciplina para facer unha colección ben organizada. Deste xeito dinme conta de que libros, discos e arte permítenme gozar do xenio dos demais; e ao longo da vida o diñeiro gastado en adquirir esas cousas non foi un gasto excesivo. Como non teño habilidades artísticas, a miña obra é reunir unha colección única coas obras doutros artistas. Artistas contemporáneos galegos, especialmente de Lugo, son o principal nexo. O conxunto en si mesmo é a miña obra preferida. E xamais desexei obras vistas en museos, pero hai moitas obras de artistas que vin en exposicións e noutras coleccións que si me gustaría que estivesen na miña.