Somos de ciencias

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

04 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O que máis chama a atención a políticos e xornalistas son as cifras, para uns e para outros porque é o que interesa aos cidadáns. Se falamos de turismo, sairá á luz o número de visitantes antes do que buscan atopar; se falamos de construción ou rehabilitación, o que interesará é o número de novas vivendas creadas; se a nova é relativa a unha exposición será o número de persoas que a visitaron. Xa sei que é un dato que moitas veces marca a fronteira entre o éxito e o fracaso, pero é o titular de calquera nova, ou ocupa un lugar relevante dela. A filosofía, esa incomprendida materia que intentan afastar dos programas educativos, fala máis da personalidade e da razón estrutural, e deixámola relegada para os libros, que tampouco lemos moito.

Cando consultamos un plan urbanístico a exposición pública, imos máis predispostos a coñecer o número de plantas que se poden edificar nas nosas leiras, do que é a estratexia de espazos públicos, a situación dos equipamentos e a relación entre a medida das rúas en relación coa altura dos edificios —algo que si incide na nosa saúde e calidade de vida—. Cando un fillo chega á idade de escoller o camiño futuro, somos máis de asociar as ciencias cos mellores estudantes, e as letras quedan para os que non serven para as ciencias.

Igual é algo que temos interiorizado, asociando os algarismos á nosa posición social, igual que respectamos máis aos que máis cartos gañan. Igual a nosa historia moderna ten moito que ver con esta filosofía de afrontar a vida. Se a aplicaramos á fecundidade, non teriamos problemas co crecemento vexetativo.