Un século sinalando a entrada da ría

XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS

BARBANZA

Luminaria provisional mientras se construía el nuevo faro de Sálvora
Luminaria provisional mientras se construía el nuevo faro de Sálvora Cedida

O faro «novo» de Sálvora compre hoxe cen anos da súa posta en marcha

05 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cómprese un século da posta en marcha do «novo» faro de Sálvora. Construído nos anos anteriores ao naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, non chegaría a tempo para evitala traxedia do terceiro suceso en número de vítimas das costas galegas, 213, e do que este ano que remata lembramos o centenario do seu afundimento nos baixos da Pegar. Tampouco evitaría que, un ano despois, en 1922, outro buque, o Cataluña, embarrancara no mesmo lugar que o vapor da Compañía Transatlántica Española, aínda que sen vítimas.

En 1904, o Servizo Central de Sinais Marítimas decidiu revisalos faros da ría de Arousa, dándolle prioridade á construción dunha nova luminaria que substituíra ao vello de Sálvora feito en 1851. O obxectivo era que tivese más altura para que fose visible desde o interior da ría e que servira para guiar a entrada e saída de buques, cubrindo a sinalización ata os baixos de Corrubedo, o que obrigou incluso a dinamitar parte das rochas do lado dereito e deste xeito permitir que chegara a sinal luminosa. Tiveron que demolerse preto de mil metros cúbicos de rocha debido a un erro nos cálculos da altura da luz que quedaba tapada cara o noroeste. Tamén sería derrubado o vello faro, cuxo material foi usado na construción do novo.

En 1905 a obra encárgase a enxeñeiros de Pontevedra que entran a formar parte dunha comisión na que tamén está o Ministerio da Guerra, xa que a illa fora expropiada por necesidades de defensa nacional en 1904 instalándose nela unha batería, o que obrigou a desprazar o faro unha ducia de metros ao noroeste. A torre chegaría aos 40 metros de altura desde o nivel do mar.

O proxecto do novo faro foi realizado polo enxeñeiro Mauro Serret, que pertencía ao Servizo Central de Sinais Marítimas. Cun orzamento de 123.132, 80 pesetas, algo mais de 740 euros actuais, entrou en funcionamento o luns 5 de decembro de 1921 coa categoría de «faro de terceiro orde Gran Modelo» e cun alcance de 17 millas náuticas, preto de 31 quilómetros.

Torre octogonal

O inmoble tiña unha planta en forma de U e torre octogonal pegada á fachada posterior do edificio principal. Sería de forma troncopiramidal e realizada en cantería vista e cun dobre balcón superior. Inicialmente, no proxecto iniciado en 1910, non se fixara a altura da torre, pendente do tipo de lanterna e iluminación do que sería dotado.

As características técnicas do faro e a mellora das instalacións para os torreiros e familias foron consideradas pola prensa das máis modernas da época. A luz producíase cunha lámpada de vapor de petróleo alamana que sería, anos despois, cambiada por outra inglesa das mesmas características. En 1992 cambiaríase por unha eléctrica alimentada por grupos electróxenos e, posteriormente, por un sistema fotovoltaico. Por certo o faro de Sálvora sería, xunto aos de Ons e Sisargas, dos últimos en usar petróleo. No ano 2000 o sistema de rotación, que usaba un complexo método de engrenaxes, pións e rodas, foi cambiado por un motor eléctrico de rotación.

O faro funcionaba con petróleo e periodicamente unha embarcación transportaba un cento de bidóns de 50 litros. Tratábase dun traballo arduo xa que o barco tiña que fondear preto do peirao e levar a cargo nun bote a remo ata o dique. A veces, os traballos obrigaban a gardar nunha caseta, aínda existente agora, parte da carga ata o día seguinte.

A estrutura do faro quedaría pechada cunha cuberta plana. A torre remataría na súa parte superior cunha cornixa en forma cilíndrica ata a base da lanterna, mentres que o interior sería un oco octogonal da torre cunhas escaleiras de fundición, quedando o centro libre para a baixada dos cables do motor.

O faro de Sálvora é moi semellante ao de Punta Insua, en Carnota, acendido tamén nese mesmo ano 1921, e que acelerou a súa construción polo naufraxio do cruceiro Cardenal Cisneros, afundido en 1908 ao encallar nos baixos de Os Meixidos, entre as rías de Corcubión e Muros, considerado un dos puntos mais perigosos de toda a Costa da Morte cunha ducia de afundimentos.

 O naufraxio do Santa Isabel puido ter moito que ver coa decisión de mellorar o servizo

O actual faro de Sálvora substituíu ao vello feito en 1851 por Celedonio de Uribe, un dos máis activos enxeñeiros da provincia, tamén autor dos proxectos dos faros de Corrubedo e Cíes, e deseñaría boa parte das vías provinciais, como as estradas de Noia?Porto do Son, en 1868, e a de Padrón-Ribeira, e nesta cidade, tamén o dique.

O lugar escolleito para a instalación do faro sería o máis saínte cara ao sur, coñecido como punta Besugueiros, desde onde era posible ver o faro de Corrubedo, polo norte, e Ons e Cíes, pola costa sur. O vello faro chegaba aos 25 metros de altura desde o nivel do mar e remataba cun pequeno balcón que rodeaba a torre hexagonal dunha lanterna de 1,80 metros de diámetro e na que tamén se instalara a óptica e o aparato de iluminación.

As obras empezaran en 1852 usando pedra da illa, e entraba en funcionamento o 19 de outubro de 1853, sendo de cuarta clase con luz fixa branca e destelos vermellos cada dous minutos, chegando ás 9 millas náuticas —pouco máis de 16 quilómetros.

  

Instalación provisional

O faro protagonista da noite do naufraxio do Santa Isabel sería desmantelado posteriormente e parte da súa estrutura usada no novo. Mentres non se poñía en marcha a luminaria nova, levantouse unha instalación provisional cunha luz universal que se construíu sobre unha rocha próxima a Besuguerios.

A cerrazón da noite do naufraxio do Santa Isabel e a escasa luz que daba a lanterna tiveron seguramente moito que ver na traxedia e que fixo que se tomaran mal as referencias da posición da rota do buque. Actualmente aínda se conservan algúns restos situados ao sur do faro moderno xusto sobre as rochas onde embarrancou o vapor-correo.