Balouriñas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

02 dic 2021 . Actualizado a las 05:05 h.

Sempre me chamou a atención como algúns animais espertan en nós sentimentos de simpatía mentres que outros, pola contra, fano de repulsión. A teoría podería facernos pensar que temos máis inclinación, por exemplo, para os mamíferos e en xeral os vivíparos, e menos con respecto a esa ampla variedade dos ovíparos, como os peixes, os réptiles ou os insectos. Pero isto non sempre é así.

Os nosos avós tiñan un respecto referencial polas abellas, por exemplo —fixádevos que eran limpas e traballadoras—, polos gatos que, aínda que palanquíns, contribuían a ter os ratos a raia, e de maneira máis distante con outros bichos dos que non era tan doado percibir a súa función. Por exemplo, os réptiles mirábanse con desconfianza, pero podían aturarse pola crenza de que eran encarnacións dos defuntos en camiño cara Santo André de Teixido. E nos insectos había de todo. As vacalouras espertan unha especie de admiración. E as xoaniñas a ledicia dos nenos.

Xoaniñas? Nestes días puiden coñecer outra demostración da riqueza da nosa lingua. Este insecto con aparencia de folclórica andaluza en traxe de faralaes chamábase na Pobra do Caramiñal penoniña e en Palmeira, ao carón, balouriña. Os nenos tiñan clemencia con elas cando pousaban na man.

«Balouriña de Dios, conta os dedos e marcha con Dios», cantaba meu pai cando era neno. Os motivos polos que os nenos de posguerra respectaban a este indefenso insecto constitúen un misterio. Pero coa fermosura que encerran estas dúas palabras, penoniña e balouriña, é imposible non sentir polo menos un pouco de agarimo.