Neira Cruz volve a gañar o Carlos Mosteiro

BARBANZA

cedida

O escritor xa se fixera co premio convocado desde A Pobra na súa segunda edición

30 nov 2021 . Actualizado a las 14:56 h.

O xurado do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro elixiu Por mor de cinco pizzas ós catro queixos como a obra gañadora desta cuarta edición do certame. O traballo resultou ser de Xosé Antonio Neira Cruz, que se dá a circunstancia de que xa se fixera con este mesmo galardón na súa segunda convocatoria, con O enigma do baúl pechado.

Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Marta Neira Rodríguez, filóloga e ensaísta; e Loretta Birott Bermejo, escritora. Segundo explicaron, a edición deste ano do certame caracterizouse pola alta calidade dos traballos, un total de 29, engadindo que a decisión do fallo foi complexa, pero aínda así, unánime.

Na primeira convocatoria, o galardón recaera en Os Fantom, de Patricia Mallo, mentres que a terceira quedara sen adxudicar por estimarse que ningún dos orixinais presentados acadaba a suficiente calidade literaria.

No acto no que se deu a coñecer o fallo, Francisco Castro e Marta Neira estiveron acompañados pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e por Lourdes Briones, viúva do escritor que dá nome a este certame literario, que está convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a asociación Barbantia.

Patricia Lojo sinalou que o premio supón unha dotación económica de 3.000 euros, duplicando o Concello a contía respecto a edicións anteriores, ademais de se publicar a obra gañadora na colección Árbore de Galaxia e de se repartiren exemplares entre a rapazada do municipio. A concelleira tamén fixo fincapé na necesidade de apostar por este tipo de iniciativas, contribuíndo a incentivar a lectura e trasladar valores ás xeracións máis novas. Adiantou, ademais, que este certame literario terá unha quinta edición.

Pero, para a conclusión desta quinta queda pendente a entrega do premio a Neira Cruz. A intención da Concellería de Cultura é convocar o acto neste mes de decembro.