Churrasco dixital

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

11 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día falaba cos meus alumnos ao redor da nova iniciativa impulsada polo creador de Facebook, Mark Zuckerberg. Chámase Meta e será un conxunto de iniciativas que crearán un contorno virtual para numerosas interaccións sociais. Dito doutro xeito, unha especie de mundo paralelo para estar cos amigos, teletraballar ou practicar deporte. Os meus alumnos acolleron o novo proxecto de Zuckerberg con tanta emoción como se lles convidara a cultivar comigo as fins de semana champiñóns de Borneo en macetas. De toda unha clase de universitarios, só tres afirmaban usar Facebook ultimamente e se cadra ese, xunto co actual descrédito desta rede, sexa o motivo real de dar unha especie de salto para diante como Meta. Facebook remátase: a súa conta para atrás acelérase e, aínda que Instagram (tamén de Facebook) é un suculento substitutivo para as novas xeracións, non é o mesmo.

Un alumno sinalou que o principal problema dunha rede social virtual é que se perderían algunhas virtudes de socialización propias da nosa cultura, como quedar para tomar un churrasco e verse nun bar. Dándolle a razón a este estudante, pensei en que moitas veces os hábitos sociais son menos fortes do que pensamos, e que abonda algunha circunstancia para que muden con facilidade. Pensaba na alerxia que tiñamos todos hai cinco anos a reservar nun restaurante un venres pola noite porque, total, iamos picar algo e deixarnos levar.

E aquí estamos todos agora, planificando con tanta avanzada ir de cañas cos amigos coma quen deseña un plan de pensións.