Inútiles

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana pasoulle a unha amiga: catro mozos bateron co seu coche aparcando e saíron enfurecidos a por ela, valentes ata a chegada da policía local. Ese empavonamento quedou en nada, ou mellor dito, en chamar a papá e mamá, que acudiron ao lugar para solucionar a papeleta de aquelas dúas parellas de mozos que non sabían reaccionar ante os requirimentos da policía, por non estaren preparados ante un episodio novo. Vergoñento que dous mozos e dúas mozas non saiban exhibirlle a un policía a documentación do coche que gozaban, sen chamar aos proxenitores do condutor, unha mostra de falla de madurez e de inutilidade.

A sobreprotección parental dos nosos fillos lévaos á incapacidade para resolver asuntos cotiáns, sen máis complicacións, unha mostra dunha sociedade de inútiles, incapaces e insolventes individuos, incluso aos trinta anos.

Os nosos pais foron traballar aos 14 anos, e adquiriron a experiencia e a pericia a través da necesidade, de agudizar o enxeño dende mozos. Nós -a xeración dos sesenta- iamos a pé á escola e ao instituto, socializándonos dende a saída da casa, resolvendo as distintas circunstancias coas que nos atopabamos. E non había medo de que mozos e mozas deambularan sen a protección paterna ou materna polas rúas. Nunca pasaba nada, nunca houbo que laiarse de facelo.

Agora lévanos á escola ata os 14 anos, están detrás para resolverlles as dificultades coas que poidan acharse, incluso poñéndolle fronte aos profesores. Logo queixámonos de que aos 40 viven cos pais, sen traballo, sen iniciativa. Só pasa en España.