Moraima

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que as primeiras veces que saín de Galicia, cando neno, moito me sorprendía escoitar falar os vellos en castelán. Era como estar vendo Televisión Española. Polas palabras que empregaban, os tempos compostos ou mesmo o acento, a miña impresión era como ver a televisión. Aquí case todos os maiores falaban como primeira lingua o galego, agás cando se dirixían a nós, que pasaban ao castelán renunciando a unha parte deles mesmos.

Lembreime diso a pasada semana cando circulou por redes e WhatsApp o vídeo da adorable nena Moraima tentando manter un diálogo en galego con Siri, o asistente de voz dixital que Apple ten instalado nos seus iPhone e iPad.

Porque aínda que a todos nos fixo moita graza o remedo de diálogo e a espelida petición de Moraima de recoller as cousas, a cota de mercado dos móbiles de Apple en Galicia é tan reducida e Siri ten un uso tan específico que non creo que o factor tecnolóxico sexa a clave para comprender o seu éxito viral. Compartimos aquilo que coñecemos.

Creo que a moita xente lles pasou o mesmo ca min naquelas primeiras veces que saía de Galicia, pero ao revés. O que lles pasmaba en realidade era ver unha nena falar en galego, e facelo ademais así de ben. Teño que dicir que a min, o feito de que Siri non fale en galego con Moraima pareceume secundario: é un robot.

Pero hai outro vídeo posible que non nos faría graza ou mesmo nos asustaría: o de Moraima tentando comunicarse con outro neno do país. Porque sabemos o que ocorrería. E a culpa non sería de Apple.