Ataque á hostalaría

Rodrigo Fresco BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

Imaxinádesvos volver ao pasado? Como sería refacer vellos costumes como o de ir de copas cos amigos ata altas horas da madrugada sen parecer delincuentes? Como sería volver a ser un país onde as restricións do covid xa non existan? Pois si que é posible, pero nunha aldea escondida dun país chamado Hispania, aínda que neste caso, non se trata de celtas ou galos, senón máis ben de íberos que resisten os continuos ataques dun goberno emperrado en acabar coa hostalaría. A aldea en cuestión é Madrid, que sufriu a cuarta e a quinta ola, coma se un surfista profesional fose, sen poñer contra as cordas á hostalaría e ao tecido produtivo, ao contrario que o resto de Hispania. É de supor que a súa poción máxica é diferente á do resto ou ollándoo dende outra perspectiva, soubo aplicala mellor.

 

Quizais o noso xefe Feixoix, aconsellado polo druída Comesañix, decidiu que o culpable dos brotes era a hostalaría e non as aglomeracións de xente que se daban fóra da mesma, aplicándolle a este sector normas absurdas que favorecían a floración destas bandadas de xabarís facendo botellóns e outro tipo de quedadas.

Cómo imos seguir o exemplo dos íberos se nos temos que identificar como pobo? E eu, que me identifico como pertencente a este pobo, creo que ao mellor hai que ser mal pensados, como galegos que somos, e ver o asunto dende outra perspectiva. Non será que a aldea celta é a catapulta para poder conquistar terras íberas» e todo aquilo que sexa ir contra da xefa íbera será ven visto?

Son moitas adiviñas e cada quen é libre de sacar as súas conclusións sen deixarse influenciar polos Sálvame, que non é o mesmo que salvar o país da bancarrota á que se está vendo empurrado. Impor normas absurdas non é lexislar polo ben do pobo, máis ben amosa a pouca implicación do xefe celta en saber onde radica o principal problema e buscarlle solución, que non é outra que facer cursos de concienciación á poboación sen usar á hostalaría como chibo. Seguindo coas frases da aldea gala para os compañeiros de gremio, o único medo que debemos ter é que o ceo se caia enriba das nosas cabezas. Rodrigo Fresco. Hostaleiro de Corrubedo