Veráns á sombra

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

Os que iniciaron as súas vacacións co comezo do mes de agosto estarán desesperados mirando as previsións meteorolóxicas que dan choivas para toda esta semana, e os que as tivemos en xullo acabamos igualmente desesperados pola negativa dos anticiclóns a instalarse sobre a comarca. Está tocando un verán de estar á sombra, outro máis, e aínda que deberiamos estar afeitos, unha non deixa de botar en falta temperaturas un pouco máis tórridas.

Pero, por sorte, nunca chove a gusto de todos, e contra todo prognóstico non son poucos os turistas que visitan Barbanza estas semanas que agradecen o ceo nubrado, as chuvieiras e as temperaturas por debaixo dos vinte graos. Deléitanse paseando polas praias e rúas suadoiro e chuvasqueiro en man, e a falta dun sol propicio para estomballarse na area ou mergullarse nas frías augas da ría, van de vila en vila coñecendo novos horizontes.

E digo que isto é unha sorte porque xamais viviremos do turismo de praia, e esta pode ser unha boa oportunidade para que quen nos visitan vexan que este territorio ten moito máis que ofrecer. De feito, está a selo. A pesar da pandemia, de que o covid volveu deixarnos sen festas e do tempo inestable, non están sendo un mal verán para a hostalería. Os hoteis e aloxamentos turísticos presentan boas cifras de ocupación, o desemprego no sector non deixa de baixar e estamos a converternos no refuxio da xente do centro e o sur da Península que fuxe das temperaturas infernais que levan padecendo todo o verán.

Ó fin e ó cabo, á sombra non se está nada mal.