Postmarcos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

17 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

ai moi poucas comarcas en Europa que aínda preserven o nome histórico que levaban desde antes da chegada dos romanos. E ese nome non é Barbanza, aínda que esta é tamén palabra ben antiga, senón Postmarcos. O gran xeógrafo e historiador Plinio o Vello foi o primeiro que puxo por escrito o nome dos nosos devanceiros da Idade do Ferro: célticos praestamaricos, os celtas que están antes do río Tambre. Chamábanse así para diferenciarse dos seus veciños do norte, os célticos supertamaricos, no que hoxe sería Outes, Noia, Muros, Carnota ou Mazaricos.

Esta denominación superou a conquista romana, o Imperio e seguiu funcionando como demarcación eclesiástica nos albores do Reino de Galicia, en tempo suevo. E seguiu, como un condado altomedieval, gobernado por condes, hai mil anos. A Igrexa, sempre tan conservadora (tamén) en temas de lindes, preservou a existencia de Postmarcos ata hoxe. A península do Barbanza está dividida nos arciprestados de Postmarcos de Arriba e Postmarcos de Abaixo: xuntos deben reunir os límites do antigo territorio medieval, herdeiro do vello pobo dos castros. E, por suposto, segue ben vivo na parroquia de Santo Isidro de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal.

A pesar dos localismos destas décadas os barbanceses fomos forxando un nome común popularizado nas últimas décadas: Barbanza, aínda que non teña respaldo administrativo. Pero non deberamos esquecer que tamén gardamos vivo o vello topónimo co que fomos coñecidos por vez primeira en todo o mundo: Postmarcos.