Charo Lopes: «A poesía non abonda»

Xian Naia

BARBANZA

Charo Lopes
Charo Lopes ABRALDES

A xornalista e fotógrafa escribe con ortografía portuguesa porque a considera troncal co galego

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A aproximación ás varias facetas da autora fica, dada a extensión dispoñíbel, apenas en esbozo, e a parte máis interesante da conversa comeza nas digresións informais ao remate da entrevista: os equilibrismos entre o peso das circunstancias e a marxe de manobra individual, os desafíos para o entendemento humano e os mínimos éticos da nosa época: antifascismo e entender que non hai liberdade sen igualdade.

?Charo, actualmente a túa vida laboral está en boa medida focada no traballo fotográfico. Cóntanos, antes de máis, que é o proxecto UMA?

-UMA é un servizo de retratos individuais para mulleres, pensados como un xogo de empoderamento, nos cales a retratada configura a súa representación. Hoxe vivimos nun momento de moita saturación de imaxes, e o labor dunha fotógrafa profesional xa non é apenas rexistrar, dado que a maioría da xente no noso contorno dispón de dispositivos móbeis para tirar fotografías; o labor consiste en ofrecer unha imaxe distinta, un proceso distinto, mais consciente, de calidade. Neste sentido pretendo facer un retrato honesto, reflexivo, crear unha especie de performance, un rito de aceptación do corpo e afirmación identitaria.

?Hai certa tendencia para a idealización do traballo das denominadas «creadoras artísticas». O que é ser artista?

-(risos) Nin idea! Creo que fai falta desacralizar a arte, moitísimas profesións poden ser creativas. Prefiro a idea de transversalizar o artístico, de aplicalo a servizos prácticos: da agricultura á ebanistaría, á costura, ou a calquera tipo de deseño. Eu preséntome como fotógrafa e xornalista, como profesional autónoma que fago servizos diversos ligados á comunicación e ao cultural.

?Sobre artes, sobre fotografía, sobre creación e relación co político falades moito e ben na revista de fotografía caleidoscopica.gal, da que fas parte da equipa editora.

-Si! A caleidoscopica.gal foi un exercicio de autoxestión: creamos o espazo que queriamos para divulgar e visibilizar tanto os nosos traballos como o de outras autoras. Trátase dun caderno de fotografía online, onde cada número desenvolve diferentes perspectivas arredor dun eixo temático específico. Procuramos facer un traballo de reflexión, experimentación e pescuda visual. Penso que é positivo cuestionar por que e para que facemos fotos, e que categoría lle damos ás imaxes. A mesma fotografía publicada nun periódico, nunha galería ou pousada nun moble do salón familiar, ten interpretacións diferentes. A poesía ídem: unha frase nun anuncio por palabras podería resultar un poema mais, en xeral, precisa ser categorizada como literatura, publicada en formato libro, para ser valorizada como tal.

?Canto á túa función poética, e centrando xa no formato libro, comezas a ser reconhecida como poeta a partir da publicación de De como acontece o fim do mundo. Este libro trae á tona no sistema literario galego diversos conflitos latentes. Destaco algúns: É a partir de conseguires o premio Fiz Vergara que as convocatorias seguintes admiten explicitamente orixinais nas diversas normativas da nosa lingua. Por outro lado, é un libro que fala inequivocamente das de abaixo, das presas, das migrantes, das oprimidas. A pregunta é unha armadilla: Canto de subversivo ten un poema escrito? Ou para mellor dicir, cal a eficacia da poesía para a emancipación das camadas populares?

-Sobre a cuestión normativa: si, é unha alegría que as convocantes do premio non discriminen pola escolla ortográfica, como si fan moitos outros. Eu escribo coa ortografía do portugués porque penso que afastarnos do tronco común galego-portugués foi unha solución da «transición» tras a morte do ditador, e é unha trampa para limitar a potencialidade da nosa lingua, que é internacional.

Sobre as temáticas do poemario: escribín o que me pedía o corpo, porque me interesa e me conmove. Flipo con que poidamos vivir vendo tanta desigualdade e sendo cómplices. Porén, efectivamente, a poesía non abonda. Para a emancipación fan falta outras cousas: organizarse, construír o que se quere, e denunciar o que non se quere. Neste sentido, fago parte tamén do consello de redacción do periódico Novas da Galiza, unha asemblea autónoma de xornalistas que traballamos de forma independente. A liberdade de prensa é imprescindíbel, e cando os grandes medios son lobies empresariais hai moita cousa que non se conta, moita cousa que se conta ao revés e moito contido lixo. A literatura, a prensa, a comunicación en xeral, debe ser honesta para estimular unha sociedade crítica, consciente de que pode e debe gobernar o seu devir.

?Álbum é o segundo libro publicado. É o resultado dun outro premio de poesía, o Cidade de Ourense.

-Si, os meus dous libros son froito dos premios; a motivación para escribir é innata, escribo porque o necesito, mais a motivación para publicar foi pecuniaria, xa que para alén da edición do libro, ambos certames tiñan unha dotación económica de 6.000 euros, e eu, igual que dicía Manuel María, son unha obreira da literatura.

 PERFIL

O xerme ideal dunha poeta

Charo é neta de Masita do Estanco -de Cespón- e de Carme a do Caravel -de Escarabote- e filla de Charo, auxiliar na conserva, e Silverio, electricista no Concello de Boiro. Nace nunha casa obreira, con máis irmáns, curmáns e tíos á volta, nunha casa en que houbo até 14 vacas. Eis o fermento ideal para que xermine unha poeta.

Estuda a ESO no instituto da Cachada e bacharelato en Praia Xardín. Durante a adolescencia comeza a escribir, tendo colaborado con Barbantia, e xa en 2007 participara no Catálogo de Novos Creadores do Barbanza editado polo Concello de Boiro. Tamén fai parte do Clube de Remo Cabo da Cruz, unha paixón, as traiñeiras, á que aínda está ligada -sendo a comentarista en galego das regatas da ACT-.

Á universidade

Vai para Compostela á universidade, alí licénciase en xornalismo e envólvese en distintas loitas universitarias e sociais, organizándose no independentismo galego. En Ourense fórmase en fotografía artística na ESAD Antonio Faílde, e na Coruña fai un Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade.

No ano 2014 recibe o primeiro premio Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, por um poemario titulado Random. Do quotidiano. En 2015 recibe a mención de honra por unha serie fotográfica, do ermo, no mesmo certame, convocado pola Xunta. En 2016 publícase o seu primeiro libro, De como acontece o fim do mundo, froito do Premio Fiz Vergara Vilariño. Entretanto, participa en revistas, recitais e obras colectivas.

Empregos

Traballa de cociñeira, de tradutora, de camareira, de alquimista -durante varios anos xestiona un proxecto de produtos de saúde e hixiene artesáns e ecolóxicos-, e escribe poemas. Fai fotos. Lanza unha revista de fotografía online: a caleidoscopica.gal. Participa nun periódico independente: o Novas da Galiza. No ano 2019 gaña o premio de poesía Cidade de Ourense e sae do prelo o seu segundo libro: Álbum, un poemario en que tamén introduce fotografías.

Hoxe traballa como xornalista e fotógrafa autónoma: neste momento está a comisariar um ciclo de eventos interartísticos no espazo Numax, de Compostela, coordena o Portal Galego da Lingua (pgl.gal), e ten unha marca, umaqualquer.com, onde fai retratos feministas.