A Romaría das Letras non faltou á cita de cada 17 de maio desde hai dez anos
18 may 2021 . Actualizado a las 21:02 h.Non foi coma outros anos, claro, porque a nova normalidade imposta polo covid impediuno, pero en Goiáns, como cada 17 de maio desde hai dez anos, volveu vestirse de festa coa Romaría das Letras, que estreou formato, pero non perdeu nada do espírito de defensa e exaltación da cultura galega co que naceu. Este ano, ademais, a cita organizada por Barbantia e o Concello de Boiro tiña como aliciente engadido a posibilidade de ver a torre de Goiáns restaurada xusto a tempo para a homenaxe a Xela Arias.
Como non podía ser doutro xeito, ela tivo un papel moi destacado nos actos que se levaron a cabo nos exteriores do pazo. Xela Arias. Poeta e tradutora é o título da biografía que Anxo Rajó Pazó presentou no marco da Romaría das Letras, un libro que ofrece «unha imaxe rápida e concisa da súa obra e de aspectos da súa vida que non están en outras publicacións», subliñou o seu editor, Xelasio Suárez. Acto seguido tomou a palabra o autor, que recoñeceu que partía con certa vantaxe á hora de falar da homenaxeada: «Hai un elemento esencial nunha biografía que é coñecer á persoa, e a grande diferenza deste libro é que eu coñecín a Xela e para min é moito máis doado achegarme a ela».
Rajó fixo un relato da traxectoria vital da poeta, desde a súa infancia á mocidade, o paso pola universidade ou a maternidade, fiando ese percorrido coas obras más destacadas da súa bibliografía e debuxando un perfil que permitiu aos asistentes achegarse a unha Xela Arias feminista, antimilitarista e activista. Afondou na súa «rebeldía controlada» e reivindicou a súa figura: «Hai moito que non se sabe dela, estivo esquecida moito tempo a pesar de que foi unha auténtica revolucionaria».
Un desafío
Non foi a biografía de Xela a única obra literaria da que se falou en Goiáns. Houbo un oco tamén para Nus, a novela de Manuel Gago arredor do fenómeno do nudismo en Baroña e o conflito que xerou a comezos dos anos 80. Con Fran Alonso, director editorial de Xerais, ao seu carón, Gago explicou que era a primeira presentación «masiva» do libro e que o facía moi feliz porque esta obra acompaña dalgún xeito a luz ao final do túnel da pandemia: «Estou moi contento de asociar o libro a este momento de optimismo, coa idea de que podemos ir saíndo desta situación».
No que respecta ao contido de Nus, o autor recoñeceu que foi un desafío escribir sobre a súa propia terra, xa que ningunha das súas novelas anteriores está ambientada en Barbanza. Falou do debate social que o movemento nudista provocou en toda a comarca, do que el lembra daquel momento, cando tiña só 7 anos, e da vixencia que aínda hoxe teñen as discusións arredor do corpo e a sexualidade. Contou tamén que foi o que lle deu ese último empurrón para animarse a escribir sobre o nudismo en Baroña: «Gústame moito que cada vez que lle falo á xente desta historia automaticamente se lle pon un sorriso na cara, é a única mobilización dos anos 80 que provoca iso. Se 40 anos despois unha historia é capaz de facer que a xente ría ao momento é unha historia que paga a pena contar».
O concerto de Os Melidaos foi o broche musical a un acto que comezara ás cinco da tarde coa actuación de baile tradicional do grupo Aroña e de Xilbarbeira e que tivo un principio e un fin festivos, como marcan os canons de toda romaría. Como mestra de cerimonias actuou Sonia Lebedynski, que foi dando paso a cada unha das actividades recollidas nun programa que suscitou un grande interese, como demostra o feito de que todas as cadeiras dispoñibles estaban ocupadas. Pensando niso, na expectativa de que o vindeiro ano a Romaría das Letras poida recuperar o seu formato habitual, sen restricións nin límites de aforo, Goiáns pechou de novo os seus portalóns agardando polo vindeiro 17 de maio.