A finca do pazo de Goiáns volve abrir as súas portas para festexar o Día das Letras Galegas

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Na Pobra haberá unha lectura de poemas de Xela Arias

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de moito tempo sen actividades e máis dun ano de reformas, a finca do pazo de Goiáns volveu onte a abrir a súas portas para que veciños e visitantes puidesen descubrir todos os cambios que se fixeron neste histórico conxunto arquitectónico. As visitas guiadas, que continuarán hoxe, enmárcanse dentro do programa de actos do 17 de maio, posto que hoxe está previsto retomar nestes terreos a tradicional Romaría das Letras, que impulsa o Concello coa colaboración da asociación Barbantia.

Será ás 17.00 horas e Sonia Lebedynsky fará de mestra de cerimonias dun acto no que actuarán os grupos Aroña, Xilbarbeira e Os Melidaos, e no que se presentará unha biografía de Xela Arias e o libro Nus de Manuel Gago. Todas as invitacións para sumarse a este acto esgotáronse en menos de 24 horas.

  Poemas en A Pobra

En A Pobra haberá programación especial con motivo das Letras Galegas, que comezará ás 12.00 horas, cunha lectura de poemas de Xela Arias no Cantón da Leña e unha ruada con grupos de música tradicional. Pola tarde, ás 19.00, proxectarase no cine Elma Lúa vermella de Lois Patiño.