Coches e baterías

BARBANZA

Bernardo Codesido Bernardo Codesido

15 may 2021 . Actualizado a las 07:44 h.

Desde que o señor Volta apiñou discos de cinc e cobre separados por un paniño empapado en salmoira, as pilas foron evolucionando e sorprendéndonos ata facerse imprescindibles a pesar da baixa duración relativa da enerxía almacenada, do costo de fabricación, do contaminantes que son e todos os demais inconvenientes con que as miramos. Sen embargo non hai casa no mundo que non teña unha pila nalgún aparello.

De ser un entretemento nas veladas sociais de hai douscentos anos, pasou a ser un elemento imprescindible. Evolucionaron. Do pano de salmoira pasouse ó ácido, do cobre ó carbono, buscáronse novos elementos e envoltorios, adaptáronse os tamaños e chegamos ó litio, un deses metais escasos que converten ó territorio que o ten nun punto de referencia e foco de disputa entre quen o necesita e quen o extrae.

E agora, ante a necesidade de tomar a dianteira tecnolóxica cara o imprescindible coche eléctrico, decididos a rematar dunha vez por todas con aquilo de «que inventen eles», a creación dunha fábrica de baterías de litio (pilas recargables) preséntase como a grande oportunidade de desenrolo e de futuro que todos queren para si, alimentando as liortas propias entre competidores e comunidades por ver quen demostra estar máis capacitado para albergala. Cada quen coa súa oferta paralela. Se Cataluña ofrece a posibilidade de ter preto a fábrica da Sociedade Española de Automóbiles de Turismo, Aragón ofrece un emprazamento intermedio para abastecer a distintos fabricantes localizados en todo o nordeste: Galicia opón a posibilidade de reforzar as empresas de abastecemento e unha das principais fábricas automobilísticas traballando nos vehículos do futuro a carón do porto de Vigo, desde onde saen barcos para todo o mundo.

E Estremadura, a única comunidade que ten o litio no seu subsolo, pregúntase por que non se vai poñer a fábrica de baterías onde está a materia prima, co beneficio engadido de recuperar iso que se deu en chamar a España baleirada. A fin, tan caro é levar o litio a onde se fabriquen as baterías, como levar as baterías a onde se fabriquen os coches. A ecoloxía, ten como premisa evitar o efecto contaminante do transporte, ou polo menos reducilo ó máximo.

Ábrese pois unha nova batalla, na que a dialéctica se reforzará co apoio dos grandes grupos da industria automobilística, segundo sexan as necesidades de cada quen, mirando para as baterías e moi pouco para o motor eléctrico e todos os periféricos sistemas electrónicos dun vehículo, porque se ter unha fábrica de baterías é un doce que non amarga, como negocio con vendas aseguradas, non o será menos investir na fabricación dos outros elementos tecnolóxicos necesarios para facer andar un coche, un autobús urbano, un camión de reparto ou unha motocicleta.

Aínda que de momento os vehículos eléctricos, e as limitacións das baterías, non teñan autonomía máis ca para curtos percorridos, en cidade ou entre municipios veciños, sabemos que é o futuro, e adiantarse ó que xa se ve vir é unha aposta necesaria, na que deberían evitarse estas pequenas liortas entre comunidades con algún tipo de consenso no que as distintas partes e elementos que compoñen a súa maquinaria se repartisen para que todos poidamos sacar algún proveito e, sobre todo, tomar a dianteira.

O progreso sempre é máis doado polo camiño da coordinación e colaboración ca polo da competencia.