Ooutro día tívenlle que explicar a un rapaz, licenciado en Ciencias Sociais e motivado para cuestións galegas, quen era Xaquín Marín. Mentres lle informaba, eu atendía con pasmo á miña propia explicación: na vida se me tería ocorrido que chegaría este momento. A inercia sería tirar algunha conclusión catastrofista sobre a mocidade de hoxe en día, pero permítanme, con todas as miñas forzas, refugalo. A cuestión é que cando llo expliquei, e lle amosei algúns exemplos do seu traballo, o rapaz reaccionou ben interesado. Non se preguntou por que non o sabía senón que quixo ver máis exemplos.
Estas barreiras de coñecemento entre xeracións existen e son lóxicas. Non creo que sexa moi distinto o caso de Xaquín Marín, ben coñecido en xeracións anteriores pola súa presenza diaria nos xornais, que as referencias a películas da nosa mocidade que xa non representan nada para xente máis nova. Estas novas xeracións acceden á prensa -no caso de facelo- sobre todo a través de Internet, onde é moi posible que coñezan a outros humoristas hoxe moito máis de moda.
Pero tamén estou certo que, ao xeito que non coñecen a ese Xaquín Marín de gran actividade nas últimas décadas, tampouco coñecen moito do resto da cultura galega actual. Nin do pasado nin do presente.
Hai pouco tempo participei nun concurso de redaccións escolares: a visión que tiñan de Galicia os rapaces -coa súa vaquiña e a súa empanada- non cambiaba moito da dos anos sesenta. Diante desta situación, pregúntome que foi o que pasou para que os últimos corenta anos tiveran tan poucos resultados.