As novas guerras


Todas as guerras tiveron e teñen un motivo económico, e, en opinión do amigo Xulio, estas compras e vendas de empresas con que nos asaltan as noticias de cada día non son máis ca unha guerra encuberta para que uns se enriquezan e outros fiquen na dependencia máis absoluta, xa sexa botándolle a culpa ó prezo da luz, ó dos solares ou ó salario dos obreiros, esas forzas coercitivas que nos levan a bandazos entre a economía e o benestar, e entre o xusto e o necesario.

Para acadar os seus obxectivos, as técnicas comerciais teñen moito de estratexia militar xogando ó despiste para que o inimigo caia nas redes. Gañar adeptos non se distingue moito da captación de socios ou seguidores nas redes sociais. Empezas por soltar unha suposta razón de peso invitando a pulsar o like para que medren os followers e ti e o que vendes xa está ocupando os máis visibles paneis de anuncios.

Lembraredes aquela noticia que puxo ó mundo en garda hai xa varios meses, como se dunha das travesuras dos malos contra James Bond se tratase, cando empezaron a aparecer nas caixas de correos americanas sobres con sementes non solicitadas enviadas desde China (nin máis nin menos). O medo a aquel galano non pedido era natural aínda despois de analizalas e ver que non eran perigosas, por non saber por que se mandaban nin para que. Finalmente chegouse á conclusión de que os inocentes envíos só eran o cebo dalgunhas empresas para facerse notar nas listas de venda por correo, e así atraer compradores dos produtos que elas fabricaban facéndonos ver que teñen moitos seguidores. Era unha estratexia comercial en guerra aberta con occidente na que os estrategos chinos aplicaron o de «A onde vas Vicente, a onde vai a xente», como unha das máis certeiras armas do mercado para gañar presenza e fama.

Nesta guerra aberta China acaba de bloquear a canle internacional da BBC, por non dar noticias axustadas ó criterio da autoridade, por poñer en dúbida a ética dos seus mandatarios, por criticar os dereitos laborais e por denunciar a súa política interna perseguindo a algunhas minorías étnicas que non se adaptan ás imposicións gobernamentais. Unha contra medida tomada despois de que os ingleses lle retirasen a licenza de emisión da canle china de televisión en inglés CCTV por acusacións similares.

Que as novas guerras non matan, pero destrúen sábeno os chinos e sábeno os occidentais cando usan os seus medios para pór en dúbida a ética comercial dos seus competidores sen disparar foguetes transoceánicos, senón con balas fabricadas e disparadas nos mercados bolsistas, no telexornal ou no intermedio das películas, con anuncios aduladores ou difamatorios segundo o interese de cada quen.

Nestas modernas guerras en que se vai gañando terreo influíndo na opinión pública con sentencias sen desmentidos e ofertas difíciles de rexeitar, aquí, entre nós, para contrarrestar que se pechen fábricas no Cervo, as Somozas ou A Coruña, entran os chinos, coa mala fama que teñen os pobres, poxando con xenerosidade e habilitando polígonos industriais desocupados, para que algunha conserveira siga embalando, aínda que sexa mexillón de Shangai, coa lenda Made in Galicia, sen falar para nada dos horarios, honorarios e condicións laborais, sempre con medo a que se aplique iso de traballar coma chinos en fábricas para as que o atún de Burela ou o mexillón de Arousa pode ser demasiado caro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

As novas guerras