Tero Rodríguez: A Rosalía de Castro rianxeira do século XXI

O seu forte son as visitas teatralizadas, nas que encarna a mulleres destacadas da cultura galega


ribeira / la voz

Transgresora, loitadora, idealista... unha muller capaz de enfrontarse ao mundo para defender os seus ideais. Así era Rosalía de Castro e así é María Teresa Rodríguez Castiñeiras (Catoira, 1970). A brava do Sar pelexou no século XIX polo idioma galego, por darlle visibilidade ás mulleres e por ser escritora. A valente de Rianxo, a súa terra adoptiva, tamén tivo que lidar para facer realidade o seu sono de ser actriz, unha batalla que o coronavirus recruou. Conseguido o reto, non só traballa a prol da cultura galega, senón sacando do esquecemento a mulleres sometidas á escuridade.

Aínda que a afección polas táboas lle vén da mocidade, non o tivo doado Tero Rodríguez para converter o teatro no seu medio de vida. Primeiro, porque o mundo das artes non encaixaba na concepción de profesión da época, e segundo, porque a súa familia tampouco o entendía como tal. Foi por iso polo que se decantou por estudar Filoloxía, primeiro Hispánica e despois Galego-Portuguesa: «Pensaba que era a carreira que máis se podía achegar ao eido do teatro». Pero con empeño e co apoio que despois atopou na súa parella, tamén vinculada ao mundo das artes, no seu caso da música, foi quen de converter os escenarios no seu posto de traballo.

Piar dos Quinquilláns

Enriba das táboas, Lucho Penabade é a súa parella artística. Aliouse con el hai máis dunha década, despois de ter participado en montaxes con diversas agrupacións, para seren os piares dos Quinquilláns, unha compañía fundada hai máis de 30 anos, pero que trala chegada de Tero Rodríguez se especializou nas visitas teatralizadas, converténdose en pioneira en Galicia neste eido. Transformando espazos emblemáticos en escenarios, a rianxeira comezou así a meterse na pel de mulleres coma ela, bravas: «No castro de Santa Tegra, na Garda, encarnei a Xeria, a primeira muller viaxeira que fixo un diario en latín. Tamén teño feito de Maruxa Mallo, de María Miramontes, de Ernestina Otero...»

Pero a súa preferida é, sen lugar a dúbidas, Rosalía de Castro: «É unha muller que admirei desde moi pequena, que me achegou ao galego e ao feminismo». Con ela viviu o momento máxico por excelencia da súa carreira como actriz. Foi un 15 de xullo, coincidindo co aniversario da súa morte. Era a primeira vez que a representaba na súa casa da Matanza: «Nos xardíns había moita xente e moita ledicia. Eu agardaba dentro da vivenda a que o público fora entrando por quendas e nese instante fun consciente de que todos os esforzos feitos para ser actriz pagaran a pena».

No albume mental dos seus mellores papeis tamén ocupa un lugar privilexiado a estrea das visitas teatrais ao Castelo de Vimianzo, no 2013: «Foi a primeira montaxe dos Quinquilláns nun espazo emblemático, cando en Galicia non se facía nada parecido. Desde entón levamos a cabo cada ano máis de 20 representacións alí, xa que estamos en Semana Santa e nos fins de semana do verán». Ademais, a partir daquela abríronse as portas doutros lugares como as Torres do Allo, o Parque Arqueolóxico de Campolameiro, o Pazo da Oca, o Dolmen de Dombate...

Estrea na docencia

A pandemia chegou cando Tero Rodríguez atravesaba ese doce momento ao que aspira calquera profesional e, por vez primeira na súa vida, tivo que botar man dos seus títulos de filóloga. Esta semana estreábase como mestra de Lingua Galega nun instituto de Silleda: «Ter esa formación foi unha fortaleza cando a miña verdadeira actividade pasou a ser non esencial, pois pechóuseme unha porta e abríuseme outra». Non oculta, sen embargo, que está desexando volver ás táboas: «Gústame dar clases, pero non me imaxino a miña vida renunciando ao teatro».

Consciente de que corren malos tempos para as artes e temerosa de que haxa compañeiros que queden no camiño, a brava de Rianxo está convencida de que o seu futuro está nas táboas. Quédanlle aínda moitas mulleres ás que darlle visibilidade. Preparou un personaxe baseado en historias reais de vítimas da represión franquista e soña con transformarse algún día na nai de Rafael Dieste, Olegaria, na propia vivenda do escritor e tamén con gozar da apertura ao pobo da casa de Castelao convertida na súa muller, Virxinia Pereira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Tero Rodríguez: A Rosalía de Castro rianxeira do século XXI