«O meu proxecto de vida é no rural»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cando a Luna se lle pregunta que é o que a impulsa a buscar unha vivenda no entorno rural de Barbanza, a resposta non pode ser máis definitiva: «O meu proxecto de vida é no rural. Estudei xestión forestal e sempre me chamou o modo de vida no rural, a conexión coa terra, a vida ligada á terra. Quero estar nun lugar que me permita compatibilizar iso co meu traballo».

De certa maneira, ela xa conseguiu esa conexión coa terra posto que é artesá, pero tamén horticultora, por iso busca unha vivenda en Ribeira que, entre outras cousas, lle permita estar máis preto dos terreos que traballa para producir hortalizas e verduras que logo vende nas feiras que organiza Sachos á Rúa.

Na súa opinión, a iniciativa que se propón a través de Agro Novo só ten vantaxes: «O rural está moi avellentado e creo que é unha boa oportunidade para retornar ao de antes, á vida nas aldeas, pero contando co apoio das novas tecnoloxías». A función da plataforma que acaba de nacer é a de facer de canle de comunicación entre quen busca unha vivenda e quen pode ofrecela: «É unha ferramenta de mediación entre as partes, para que logo cheguen a un acordo sobre que necesitan, que poden ofrecer e a que aspiran con este intercambio. Penso que é unha boa oportunidade para todos».

Por iso, Luna convida aos donos de terras e casas en desuso a que coñezan a proposta: «Quixera animar aos propietarios a que dean un voto de confianza, a que coñezan o proxecto e coñezan ás persoas e logo decidan».

Xa sexa como demandantes ou como propietarios, quen teña interese en coñecer a iniciativa pode contactar co colectivo nos teléfonos 686 097 190 e 663 562 818 ou no enderezo electrónico sachosarua@gmail.com.