Agoreiros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

04 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante todo este confinamento tivemos censores que se apresuraron a botar a culpa da pandemia ao cambio climático, á relaxación de costumes, ao colapso do neoliberalismo e xa non entro nas teorías da conspiración. Cando esta pandemia se vexa dentro de douscentos anos, todos estes agoreiros e censores da moral serán equiparados aos que hai centos de anos tamén mortificaban os seus veciños acusándoos de traer a peste polos seus pecados.

As pandemias e a expansión dos virus son asuntos complexos. Aínda que a viroloxía é unha ciencia xa vella, cada novo virus presenta condicións distintas con respecto os anteriores, que fai que haxa que entender a súa dinámica de contaxio ou o seu impacto na saúde. E non se parte desde cero.

Durante estes meses levamos vendo a medios e opinadores castigando e bendecindo territorios en función dos resultados puntuais semana por semana, como se isto fose unha liga de fútbol. Lembran cando Portugal ou Alemaña eran modélicos e os nosos políticos uns incapaces? Lembran cando se explicaba a lenta expansión do virus polas nórdicas virtudes cidadáns duns europeos e o latinismo doutros?

Todos estes meses de pandemia están a revelar que os factores de contaxio e expansión do virus son ben máis complexos ca iso. Saberemos ben que aconteceu cando teñamos amplas secuencias de datos. Non agarden que os políticos llo expliquen: teñen medo de pórse a mal cos sectores económicos afectados. A resposta, igual que coas vacinas, virá da man da ciencia e non de apresurados agoreiros.