Manuel Ayaso déixase inspirar por Kafka no seu primeiro libro para bibliófilos

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Coa publicación, que contén 110 láminas, o Museo do Gravado réndenlle homenaxe ao pintor

03 feb 2021 . Actualizado a las 14:55 h.

Unha publicación de luxo, cunha tirada de 26 exemplares e un contido principal en forma de 110 láminas, será o primeiro libro para bibliófilos do ribeirense Manuel Ayaso. Trátase dun volume editado polo Museo do Gravado de Artes, que lle rende deste xeito unha homenaxe ao pintor, que incluirá unha exposición.

Esta xoia artística reflicte a visión de Ayaso sobre a obra de Franz Kafka, un escritor que foi pioneiro na fusión de elementos realistas e fantásticos, eido no que o pintor ribeirense é un especialista. As súas láminas están precedidas por varios textos: unha saúda do presidente da fundación que xestiona o Museo do Gravado, Manuel Ruiz; un análise de Pastor Rodríguez sobre a figura de Ayaso; un estudo de Felipe Senén López ao redor do devalar metamorfósico das liñas do pintor ribeirense; 15 poemas de Eva Veiga e unha interpretación poética de Xabier López Marqués.

O director do museo, Pastor Rodríguez, explicou que esta publicación xurdiu como unha homenaxe a Ayaso, artista que carecía dun libro destinado a coleccionistas: «Era unha obra que xa tiña feita, pero estaba sen editar». Coincidindo coa súa presentación prevista para mediados de febreiro, inaugurarase no museo unha exposición que lle permitirá ao público ver esas 110 láminas. É que só serán 25 as persoas que poidan facerse co libro, pois ese é o numero dos exemplares, ademais da proba do autor, que conforman a tirada coas obras serigrafiadas e autentificadas ante notario.

Rexurdir da asociación

Tamén está en proceso nestes intres a reactivación da Asociación de Amigos da Fundación do Museo de Artes do Gravado. Este entidade foi constituída no ano 2001, pero quedou estancada e non chegou a desenvolver actividade algunha. Pastor Rodríguez explicou que xa se empezou a traballar na actualización do estatutos e quedará por diante a constitución dunha nova directiva e a elaboración dunha relación de socios para poñer a andar a asociación.