Luís Tembra, presidente del Triatlón Rianxo: «Cando hai probas afiamos os dentes»

O de Taragoña ponse como meta crear unha escola deportiva e un equipo feminino


Ribeira / la voz

Xogador de fútbol dos que se «intentaban zafar cando tocaba correr», un revés do destino quixo que Luís Tembra (Rianxo, 1984) quedase atrapado dun dos deportes más esixentes que triunfan na actualidade. Este veciño de Taragoña defende que non é tan duro como semella na televisión e para acercalo á xente do seu pobo decidiu crear, xunto a un grupo de amigos, o Triatlón Rianxo. Un club que comeza a sumar socios, adeptos e soños.

-De onde parte a idea de darlle vida a un equipo así?

-Parece que o creamos o ano pasado, pero en realidade xa cumprimos dous. Con isto do covid fomos pouco a pouco. Varios veciños de Taragoña competiamos no Triatlón Ribeira e cando houbo a división co Boiro decidimos, xunto a algúns compañeiros que estaban no Barbantia Roda, facer o club. Éramos dez pelagatos, pero agora xa somos máis de 30 socios.

-Vai medrando rápido.

-Si, si. Considérase que o triatlón é inalcanzable, pero é accesible para todo o mundo. Non é un deporte complicado, parece moito máis chungo pola televisión do que realmente é. Fai falla unha preparación mínima.

-Pois non dá esa impresión, de verdade. Teño que confesalo.

-Eu toda a vida xoguei ao fútbol e era un escaqueado. Cando os martes e os luns tocaba correr, xa chegaba tarde para zafar [ri]. E dende que empecei a triatlón, como non faga algo tódolos días xa non me descansa a cabeza. A verdade é que engancha moito.

-E que meta ten o club?

-Pois o máis importante é dar a coñecer este deporte aos nenos. Por iso é prioritario, xunto co Concello e a piscina municipal, crear a escola de triatlón. Será para nenos e nenas dende os 8 aos 14 anos. Xa queríamos arrancala antes, pero co tema do covid estamos esperando. A ver se a principios de febreiro. A outra prioridade é conseguir crear un equipo feminino. Nos triatlóns e duatlóns nos que participamos hai moitos que os facemos por equipos e fan falta seis persoas. Agora empezou unha rapaza, pero queremos máis. De feito temos un cota anual de 30 euros, que no caso das mulleres estaría bonificada o primeiro ano.

-E a medio ou longo prazo, que teñen en mente?

-Somos afeccionados, pero moi competitivos, iso si [ri], pero xa temos unha idade. O obxectivo é mellorar, pero a clave é crear a escola de triatlón e darlle alternativas ós rapaces. É un mundo descoñecido e sería un gusto que algún despuntara.

-Que teñen pensado con eles?

-Temos un monitor que chegou do País Vasco e alá xa xestionaba un equipo de triatlón. A escola deportiva sería cousa del, e logo hai outros membros que controlan moito de ciclismo, outro de carreira a pé. Está todo moi ben preparado, a ver ser entre este mes e o que vén podemos poñer todo en marcha.

-Que tal levaron o tema covid?

-Pois afectou moito. Ao non ter obxectivos claros notámolo. No grupo de Whatsapp sempre íamos falando e cando hai probas afiamos os dentes. Ao non contar con nada no horizonte saías a correr daquela maneira. Agora que hai probas xa se ve á xente máis motivada.

-Que fai falla para meterse neste deporte?

-Forza de vontade o primeiro e segundo mes [ri]. Despois xa non es capaz de deixalo, o corpo pídecho. Cando vou pola mañá a traballar xa estou pensando en que momento podo saír adestrar. Cando hai épocas nas que é imposible adestrar, chego á casa e ata me costa durmir.

-O de ser presidente foi cousa súa ou metéronlle un gol?

-Cando quedamos sen equipo en Ribeira decidimos facer o equipo nós. Eu son botado para diante e en tódalas historias me meto. E así foi. En principio éramos catro amigos, pero agora xa temos unha estrutura máis marcada, os postos están máis perfilados, máis profesionais. Parece que está nós Gómez Noya [ri].

-Teñen previsto organizar algunha proba por aquí?

-Falamos co Concello de Rianxo para levar a cabo unha olímpica, pero por agora todo foi moi informal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Luís Tembra, presidente del Triatlón Rianxo: «Cando hai probas afiamos os dentes»