E de vellos que?

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

22 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso futuro trala vida laboral vai mudando cos tempos. A unidade familiar en torno á lareira, agrupada e con fortes relacións interxeracionais, que reforzaba o carácter de grupo, non foi un fenómeno rural xa que tamén foi o que se desenvolveu no urbano ata finais do século XX. Ademais de transmitir a experiencia e o coñecemento, os vellos aconsellaban aos mozos evitando moitos erros vitais. Pero as vagas migratorias desmantelaron esa sólida estrutura que coa chegada das novas tendencias foi desaparecendo, dando paso ao aparcamento dos maiores en residencias como un lastre que impide aos mozos ter liberdade de movemento.

Pero moitos países xa tiñan mudado este modelo e a pandemia acelerou o cambio na nosa contorna. Diremos adeus aos hoteis da terceira idade e darémoslle a benvida ás vivendas colaborativas, que como para cada novo modelo xa lle temos un nome inglés: cohousing senior (xubilados que comparten casa).

Trátase de manter a relación de grupo con xente da mesma idade, pero con doses de independencia. Urbanizacións cheas de espazos verdes e zonas de relación, con apartamentos independentes e servizos comúns: restaurante, ximnasio, sala de baile, perruquería, cafetaría...

O segredo radica en reducir os metros da vivenda individual e agrupalos cos metros sobrantes dos demais. Con 60 metros privados é suficiente, e os outros 40 xúntanse cos doutras vivendas. A economía de escala permítelles ter máis servizos médicos ou paliativos que se viviran na súa casa, e ademais con menos custo que nunha residencia, porque non debe ser un negocio.