Os medos infantís

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

18 dic 2020 . Actualizado a las 21:49 h.

Debátese moito sobre a maldade subxacente nos contos infantís. Facer durmir a un neno contándolle como o lobo devora a unha avoa ou como unha madrasta lle dá a unha nena unha mazá envelenada de merenda, non parece o máis indicado para que as crianzas soñen con anxiños; pero aí están eses clásicos sen perder actualidade. Verdadeiras historias de terror coas que todos aprendemos a terlle medo á vida e a levantarnos á media noite para acubillarnos na sosegada quentura da cama de nosos pais.

Lembro a fábula d’A Ra chea de envexa, quen querendo ser gorda e lucida como unha vaca acababa rebentando, o cal me obrigaba a lerlla á filla en horas da tarde para ter tempo de explicarlle o mala que é a envexa, pero sobre todo que aquilo non pasara na realidade e que non tivese pesadelos.

Esta semana alguén nos lembrou aquel títere infantil da cachaporra, o xa clásico Polichinela, coñecido en todo o mundo, para divertir a nenos e nenas arreando trancazos sen ton nin son. Nalgunhas versións máis modernas trocaron a algúns personaxes por ladróns malvados e crocodilos, a fin de xustificar un pouco ó protagonista que todo o soluciona a paus, pero segue sendo un espectáculo, ademais de moi popular e divertido, con moita carga de violencia.