Pepe Barrio: «No meu carácter non entra estar parado»

s. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Destaca que é necesario darlle unha volta ao deporte inclusivo para dinamizalo

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:10 h.

Se hai alguén que rompeu unha lanza en favor do deporte adaptado ese foi Pepe Barrio (Noia, 1960). El xa coñecía o significado da palabra inclusión antes de que se puxera de moda. Á fronte de Adeco-Dea, leva anos pelexando para que todos poidan practicar deporte. Natación, ciclismo, tenis de mesa, disciplinas náuticas... Non hai barreiras para aqueles que queren superalas.

-Logo de ter que paralizar a actividade, que teñen en mente?

-Este verán xa tivemos en marcha as xornadas náuticas, e en outubro queremos retomar a escola de tenis de mesa. Hai dúbidas sobre se se habilitarán os adestramentos nas escolas, e a competición está un pouco no aire, pero nós queremos poñela en marcha. É un ano complicado, o medo é libre, e moitas familias teñen dúbidas.

-Hai xente que non arrisca.

-É normal. Nós veremos se de aquí a final de ano temos sorte coa escola e non hai ningún positivo. Tomaremos as máximas medidas: xeles, máscaras, desinfección de todo o que se utilice... Nas xornadas náuticas xa o facemos, pero a demanda é menor. As saídas son de menos xente, por protocolo, pero aínda así non se animan coma antes.

-Son o voso proxecto estrela.

-Queremos que calquera que queira poida saír a navegar. Visitamos a central do Tambre, Muros, ultimamente tivemos a visita do golfiño que anda por esta zona e que nos acompaña pola ría... O importante é que os que queiran navegar fagan o que queiran: se queren darse un baño, danse un baño; se queren ir á praia, imos á praia... A ruta polo Tambre está gustando moito, mais intentamos non molestar a ninguén, xa que hai moitos pescadores por esa zona.

-E cal é a meta coa que se fundou Adeco-Dea?

-Somos un club deportivo puro e duro. Ao principio centrabámonos en competir. Tivemos xente con medallas en campionatos de España, tanto en handbike como en atletismo ou natación. Logo fixeron que nos incluíramos nas diferentes federacións. Se temos un rapaz que fai atletismo temos que buscarlle un club desa disciplina. Agora o que facemos é fomentar o deporte a través das escolas deportivas e axudar por se fichan nalgún club para que poidan seguir acudindo a probas.

-Cantos anos leva xa á fronte?

-Uns cantos [ri]. Pouco antes de falecer o anterior presidente, Manolo Parada, xa me implicou no tema. Ao pouco tempo de empezar tivemos a mala sorte de que falecera. Era unha gran persoa, colaboradora, traballadora, un bo amigo.

-E dálle tempo a competir.

-A verdade é que si. No meu carácter non entra o de estar parado. Por exemplo, na liga de tenis de mesa somos poucos os deportistas que tendo unha discapacidade participamos nun torneo regular. E somos un máis. A verdade é que co resto da xente estamos moi ben, non quero que me traten como discapacitado. Moitas veces somos nós o que determinamos como nos tratan indo de vítimas. Eu vou a gañar. O importante é participar, si, pero gañar é un extra.

-Pero sen andar ás piñas.

-Antes do partido todos somos amigos, pero durante o encontro vou intentar facelo mellor.

-Como deportista ten un bo palmarés.

-Tiven a sorte de gañar varios anos o galego de tenis de mesa, e un terceiro posto na liga nacional coa selección galega. En natación tamén botei bastantes anos, pero sempre no segundo ou terceiro posto. Aí tiña enfronte a Xavi Torres, que foi un dos mellores nadadores con discapacidade da historia. Sempre poderei dicir que compartín podio con el.

-E agora en que situación se atopa o deporte adaptado?

-Cando se quixo promover o deporte inclusivo vímolo como unha boa idea, pero a realidade estanos demostrando que á maioría dos clubs non lles importa que lle vaias adestrar alí, pero cando tes que competir xeras un montón de gastos. Se viaxas cun grupo de rapaces podes ir a un albergue, pero os sitios accesibles son hoteis de tres ou catro estrelas, e iso custa cartos. Necesitas persoal de apoio tamén. Para os clubs que eramos exclusivos era máis sinxelo. Viviamos para eles, e xa nos moviamos en grupos. Logo temos o hándicap das axudas, porque somos poucos e en fichas federativas gáñanos ata o club de fútbol máis cativo. Só se valoran as licenzas, pero para nós antes hai un proceso dunha persoa que empeza a adestrar e que esixe un traballo.

Un mar para todos. É a actividade raíña de Adeco-Dea. A asociación xestiona un barco adaptado que se pode solicitar para recorrer a ría de Muros e Noia.

Palmarés. Ademais de xestor, Pepe Barrio foi e é un gran deportista. Natación, motonáutica ou tenis de mesa son as súas disciplinas.