A perfección e a crítica

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

'MEZQUITA-CATEDRAL, PATRIMONIO D

22 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres o amigo Afonso nos agasallaba cun churrasco no seu xardín, para celebrar a construción, pola propia man, dunha lareira durante o confinamento, criticáballe un dos convidados, albanel de profesión, que o ancho da cambota non era suficiente para protexer do nordés. E el, lonxe de molestarse por esa nimiedade nunha obra feita ó aire libre, contestoulle que algo tiña que deixar mal para que llo criticasen, pois a perfección sen crítica non sería tal. «Á fin, o crítico é o maior envexoso da obra do artista», dixo sen levantar moito a voz. E o albanel desculpouse: «A crítica pon en valor, corrixe e mellora o feito».

Realmente, postos a buscar sempre lle habemos de encontrar algo a cada cousa que vexamos. Sei dun coleccionista de libros que valora como mérito as grallas de edición, unha coma fora de sitio ou unha letra cambiada. Na crenza musulmá, como só deus é perfecto e ningún ser humano pode igualalo, en toda obra, o enxeñeiro, o arquitecto ou o escritor, ha de introducir, adrede, unha deficiencia que o congratule coa divindade, para deixarlle ó Ser Supremo esa potestade do insuperable. Así, visitando a Mezquita de Córdoba ou a Alhambra de Granada, é doado que o guía nos amose ese detalle discordante que, contrariamente ó que parece, dálle un toque de distinción. Aínda así, cando estábamos apreciando unha desas marabillosas anomalías, un dos compañeiros de excursión preguntou se non será esa irregularidade premeditada un sinal de fachenda, unha chamada de atención para apreciar e presumir da perfección do resto. Porque non é o mesmo cometer un erro ca errar a propósito. Á fin, esas faltas metidas deliberadamente veñen sendo unha mostra de falsa humildade, e todos os que nos esforzamos por alcanzar nos diferentes ámbitos da vida as máximas cotas de perfección sen lograla, non podemos menos ca sentirnos humillados ante estes profetas da enganosa modestia.

Do mesmo modo, inquirir por que cae unha mazá e non a lúa, ou por que os astros aparecen e desaparecen ciclicamente, é froito desa ansia por entender a perfección agochada tras unha aparente anomalía, de xeito que a busca do defecto lévanos a entender o por que das cousas, a razón de ser dos fenómenos naturais e a indagar nas leis polas que se rexe a natureza. Algo polo que moitos acabaron no lume da condenación, acusados de descubrir e pór en dubida as secretas artimañas do Creador, iso que nunca lle gustou escoitar nin aceptar a ningún intermediario entre mortais e divindades. Na historia do coñecemento sempre estiveron enfrontados os dogmas e o laboratorio.

Despois de que os gregos, cos seus rudimentarios medios calculasen o arco da terra ou a cantidade de ouro que tiña unha coroa, a etapa cristiá negouse a seguir ese camiño que nos levaba a pór en dúbida as lendas bíblicas, xustificando como designios divinos fitos tan importantes como a creación do mundo, a aparición do home ou o nacemento das linguas sen evolución ou adaptación. Evitaban a dúbida e a opinión a pesar de que a análise crítica vale tanto para sinalar o defecto como para descubrir o ben feito, como moi ben entendían aqueles artistas musulmáns cando despistaban ó xuíz cunha irregularidade para librarse da acusación de blasfemos.

E despois de tantos coidados para non ofender, cada día, as revistas científicas presentan novas dúbidas e corrixen vellos enunciados. Unha de dúas, ou deus si xoga ós dados ou nós somos moi perfeccionistas.