MARTINA MISER

01 ago 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Poucas cousas hai tan fermosas como ver voar un papaventos. A súa beleza, con deseños que lles fan parecer fermosas aves exóticas subindo polo ceo, permítenos levar a imaxinación por impensables derrotas, ata onde a corda con que a atamos nolo permite.

Xulio contounos como, hai moitos anos, a súa filla, daquela unha nena, pediulle que dunha viaxe a Grecia lle trouxese, como se dun capricho se tratase, un papaventos. Xa vos podedes imaxinar a súa aventura por todos os mercados e tendas de xoguetes preguntando, improvisando no seu inglés macarrónico para pedilo pola súa definición: un xoguete feito de papel para xogar co vento. Non había maneira, ata que alguén se decatou do que estaba pedindo e desde esa non se esqueceu da palabra grega para o papaventos: Chartaetoú Ou algo parecido. Xulio confésanos que desde aquela tenlle unha querencia especial a este tipo de xoguetes co que pasou moitos horas entretido coa filla, e aínda agora, todos os anos, ha de sacala algún día para pilotala emocionado como un cativo, aínda que a moza o recrimine: «Papá pareces un meniño».

Hoxe, vendo a uns nenos xogar con elas na praia lembrei un texto de Le Clézio onde se narra a batalla de papaventos que se organizaba nun areal de Turquía, onde os competidores atábanlle á cola coitelas de afeitar, co fin de esnaquizar as dos contrincantes, convertidas así en mortíferas e ciumentas armas contra a beleza.

Acordounos a anécdota estes días pasados mentres mirábamos o cometa Neowise (que en nada se parece a un papaventos), apuntando cara o horizonte xusto por debaixo da constelación do Carro, unha oportunidade única de velo porque, bastounos saber que non volverá a aparecer por aquí ata dentro de seis mil e pico de anos, para que sacásemos ó balcón prismáticos, telescopios, cámaras e todo canto artefacto nos servise para deixalo arquivado na seseira informática, co fin de facerlle participar de tal marabilla ós nosos netos e ós netos dos nosos netos. E sen embargo, iso que vimos no ceo non se vai distinguir moito do que vexamos a próxima vez que nos visite outro. É o encanto do insólito.

No noso idioma distínguese moi ben ó papaventos do cometa, e na forma tamén. Mais unhas e outras, a de papel e a de xeo interestelar son fermosas para ver e interesantes para xogar cun neno ou para facer exercicios de Física, se a paciencia nos dá para tal.

O que nunca me explicarei é como se lle puido ocorrer a Franklin atarlle unha chave a un papaventos, unha noite de tormenta, para capturar un raio, sen medir o risco que corría cos cen millóns de voltios que lle podían caer encima. Non quero imaxinarme se o chega a alcanzar un anaquiño de semellante carga eléctrica, quedaría incinerado sen gastar cadaleito. Sen embargo nunca lle pasou nada. Será a sorte do ousado.

Como queira que sexa, os cometas e os papaventos, naturais e artificiais, sempre provocaron en nós certa atracción, ata converterse, sobre todo o natural, en símbolo do nacemento da vida, coroando a árbore de Nadal ou o pesebre de Belén, aínda cando nin se soñaba coa teoría esa de que un cometa foi quen trouxo a auga á terra e con ela toda a evolución, desde os seres unicelulares ata o máis xigante dos mastodontes.