Ribadas

O escritor Xabier Marqués establece esta bela comparación entre o paseo e a camiñada


A Voz de Barbantia

Que diferencia hai entre unha camiñada e un paseo? A intensidade e a frecuencia do paso? De atendermos á súa definición, a camiñada é máis longa que o paseo.

Porén, nin o sistema de medidas nin os trebellos máis avanzados chegan para mesurar o seu verdadeiro celme. Así, cando limitamos o paseo e restrinximos o seu ámbito, esquecemos a súa verdadeira natureza.

Ten, entón, algo máis de fuxida a camiñada? Ten máis de vagabundaxe o paseo? É unha centrífuga e o outro centrípeto? Dous fenómenos opostos, expansión fronte a implosión? Non. E, ademais, non son excluíntes pois o devalar do paseante require unha descomunal enerxía.

O camiñante desafía a verticalidade dos ceos. O paseante, imitando a postura dos orientais(*), anicado, está máis preto dos latexos da terra, do seu ritmo. Tempo de recuperar idiorritmias, de se encalecer como as carabuñas dos pexegos, de renomear os paseos pipotados de azuis, lenes, de cecimbre entre verde tépedo e contido. Paseos de heliótropos, deambules. Tempo, mesmo, de recuperarmos as esquinas e dondealas, de considerar que tamén somos as támaras que temos diante (só subimos o primeiro banzo, despois somos escada; ben saben os montañeiros que, ao se achegaren á montaña, xa son cumio... ou fume). Tempos de repregarnos dobra sobre dobra (ao xeito mallarmeano), de reflexión.

(*) A postura do diamante, ou carmelitana, é diferente xa que máis que achegarse á terra é un axeonllarse que ten moito de atrición e de contrición. Nesa posición nós ceariamos, cedido o noso centro de gravidade: a meta en diferido, a fuxida interminábel.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ribadas