Fusión de sons, debuxos e versos nas Noites de Jazz rianxeiras

BARBANZA

carmela queijeiro

 Pablo Sanmamed Trío, Pablo Castanho Quartet e Swing Machine Orchestra actuarán no festival, que se abriu con unha exposición

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o 6 e o 8 de agosto regresarán a Rianxo as Noites de Jazz, un ciclo de concertos que propiciará o desembarco na vila de Pablo Sanmamed Trío, Pablo Castanho Quartet e Swing Machine Orchestra. Pero esta terceira edición do festival xa arrancou onte coa apertura dunha exposición que lle engade versos e debuxos para a súa fusión coa música.

A mostra, que se poderá ver no auditorio da localidade ata o 14 de agosto, correspóndese a unha colaboración do Museo do Gravado de Artes, que xa nas dúas pasadas edicións do festival lle cedeu temporalmente fondos ao Concello rianxeiro. Preséntase baixo o título Jazz espido e está integrada por 17 debuxos orixinais de Eva Lloréns e outros tantos poemas de María do Carme Kruckemberg. É unha simbiose de escritura, música e debuxos, baseada en textos sobre grandes intérpretes e voces do jazz que se presentan acompañados de espidos, tanto masculinos como femininos.

Para a presentación desta exposición desprazouse ata Rianxo a escritora Mercedes Queixas, que participou nun acto xunto co director do Museo do Gravado de Artes, Xoán Pastor Rodríguez, e a concelleira de Cultura de Rianxo, Raquel García.

Reserva de entradas

Os tres concertos que están incluídos nestas Noites de Jazz terán lugar no auditorio da vila ás 22.30 horas, Por mor das condicións de seguridade impostas polo coronavirus, para asistir a eles será necesario reservar praza chamando ao 664 183 217 ou enviando un correo a auditorio@concelloderianxo.gal. O prazo acabará o día 5.