Sardiñas sofisticadas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 jun 2020 . Actualizado a las 11:00 h.

Como moita xente, o martes pola noite celebrei o San Xoán pousando sobre unha rebanada de pan millo unha untuosa sardiña. Na vida hai praceres sofisticados e praceres sinxelos. O das sardiñas á brasa pertence máis aos primeiros que ao segundos, aínda que un poida pensar o contrario, e vou explicar por que.

Un pracer sofisticado é aquel que precisa de múltiples sentidos para ser gozado. E non só sentidos, senón que é preciso achegar tamén emoción. E as mellores sardiñas á brasa precisan dunha complexa combinación para gozárense ao máximo: un lume montado con todo canto pendello hai, un viño tinto con certa acidez, uns dedos grasumallentos, un pan de millo enchoupado, os ollos algo secos da calor do lume e a roupa recibindo o cheiro do fume.

Poderemos tomar moitas veces sardiñas ao longo da estación, pero ningunha delas saberá igual que na noite de San Xoán, porque nese momento a gastronomía é, sobre todo, cultura. Cada sardiña que comemos grávase na nosa memoria; os nosos polgares, queimados pola ansia de despelexar a pel do peixe e acceder á súa saborosa carne, coñecen esa sensación e gózana. Ese é o secreto da máis sofisticada gastronomía: que para selo non se pode separar da vida.

Na nova tempada alta que chega, a gastronomía vai xogar un papel moi importante confortando tras un tempo confuso do que aínda non sabemos se ficou atrás. Converter o acto de xantar nunha experiencia cultural pode ser un bo bálsamo para unha nova época que deberemos superar coa nosa mellor cara.