Made in China

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos recordarán o arrecendo da chocolataría da súa rúa; ou o cheiro a viño cando pasaban por diante do bodegón. Forman parte dos nosos recordos, da nosa memoria. Tamén recordarán como imprescindible na mesa de xantar a gasosa que se fabricaba a pouca distancia da casa. Todas as vilas tiñan varias fábricas de chocolate e de gasosas. Hoxe, os cascos daquelas bebidas son obxecto de museo. A maior escala, podemos recordar que moitas vilas de referencia tiñan fábricas de curtidos: Noia, Monforte, Allariz, entre outras. O arrecendo a madeira era algo que nos quedou impreso de cando visitabamos os serradoiros de madeira no rural.

Todo o mundo sabe que fomos potencia mundial na construción de buques, con estaleiros punteiros en toda a nosa costa, á parte das industrias de carpintaría de ribeira. Tivemos a fábrica de lapis máis prestixiosa do mundo e a fábrica de louza máis importante de Europa. Sen ir máis lonxe, sendo eu neno íamos axexar a fábrica de autobuses que había na Estrada. En Padrón fabricaban lámpadas.

O mundo cambiou, pero séguense utilizando lapis, construíndo barcos e a madeira incrementou a súa demanda mundial. Se botaramos números sobre os postos de traballo que creaban e as familias que vivían desa industria -moita dela familiar- podiamos pechar a oficina de emprego.

Pero fómonos convencendo de que é mellor comprar os produtos feitos na China e dedicarnos á construción, ao turismo e á hostalería, e para ter unhas simples máscaras para a cara temos que compralas no mercado chinés. Menos mal que aínda nos quedan as conserveiras.