Irene Maneiro: «Os turistas van priorizar destinos non masificados e con recursos naturais»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Considera que zonas como Barbanza poden saír fortalecidas da crise actual

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O coronavirus obrigou ao eido turístico a adaptar por completo a estratexia a seguir de cara á vindeira tempada de verán. A incerteza sobre a apertura de fronteiras e sobre o acceso ás praias, o punto forte da Galicia costeira, marca nestes momentos a liña de traballo do sector. Desde a mancomunidade Arousa Norte teñen claro que hai que dirixirse aos turistas de proximidade. A xerente, Irene Maneiro, pensa que dentro da crise global os territorios con recursos naturais non masificados teñen a curto prazo moitas opcións.

-Como está sendo o traballo desde o inicio da crise?

-O primeiro que tivemos que facer foi unha análise da situación e unha adaptación de toda a estratexia, tendo en conta aspectos como as medidas de distanciamento social, as capacidades dos locais reducidas, o medo da xente a saír da casa e a posibilidade de novos brotes da epidemia. Por riba de todo, pensamos que non é o momento de divulgar o destino sen ter a seguridade de que ofrece garantías en canto a medidas de seguridade e hixiene. Por iso, o primeiro paso está sendo coñecer o estado do sector empresarial, ver cales son as dúbidas que existen e tratar de resolvelas.

-Co verán enriba, cal é a estratexia que está sobre a mesa?

-Ata o de agora, a liña de traballo era a divulgación turística, tanto dentro como fóra de Galicia. Agora imos promover sobre todo os fluxos a nivel comarcal, entre os municipios da contorna, e a partir de aí ir abrindo o abano cara á provincia da Coruña, e logo, se as restricións sobre a mobilidade se levantan, abarcando toda a comunidade. O problema é que todos os destinos estamos apuntando ao mesmo, ao consumo local e comarcal.

-Que lle vai ofrecer Arousa Norte a ese turismo de proximidade?

-Nós estamos levando a cabo unha ordenación dos recursos turísticos para determinar cales son os máis importantes e realizar neles actuacións de posta en valor. De forma paralela, imos revisar a rede de sendeiros que houbo no seu momento para recuperala e homologala. A xente está demandando natureza, actividades que poida facer de forma individual.

-Hai posibilidades de salvar o verán a nivel turístico?

-É difícil valorar, porque a incerteza é enorme. Se as fases de desescalada se cumpren, hai moitas posibilidades, porque a xente estase animando. Hai casas de turismo rural que xa están rexistrando reservas. O problema é que hai establecementos que teñen medo a abrir por se se rexistra un brote que lles afecte directamente. O máis importante é que o destino ofreza garantías de seguridade e hixiene.

-Que ocorrerá coas praias de Arousa norte?

-A idea é adoptar medidas de forma conxunta, pero tendo en conta as diferenzas de cada municipio, pois só Ribeira, por exemplo, ten un areal das características do Vilar. Non hai nada decidido, aínda que no punto de partida non está a posibilidade de parcelar.

-Que outras potencialidades pode ter a comarca neste novo escenario turístico?

-Penso que os turistas van priorizar destinos non masificados e con recursos naturais. Tamén pode ser un punto a favor a existencia de aloxamentos rurais fronte a grandes complexos hoteleiros. O que antes era unha debilidade pode converterse nunha fortaleza.

-Como respira o sector empresarial?

-Hai moita preocupación, sobre todo porque os protocolos de actuación non están claros. Hai que entender que se realizaron con moita rapidez, pero xeran unha gran cantidade de dúbidas. Por iso quixemos empezar por coñecer eses interrogantes de boca dos empresarios para tratar de resolvelos coa Xunta. Dentro dun par de semanas teremos un novo encontro para ir analizando os avances. Todos queren volver traballar, pero coas medidas necesarias.