Agresión continua

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

23 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aagresión dos pasados días ao camiño tradicional de acceso ao Castro de Baroña, ese fermoso enlousado que todos lembramos das nosas visitas a un dos nosos monumentos máis emblemáticos, non é un caso illado. O patrimonio etnográfico e arqueolóxico do país leva décadas sufrindo un desgaste irreparable por parte da industria forestal, que nunca se detén e que ten consecuencias económicas e sociais para as comunidades que o padecen.

Por suposto, o problema é complexo e non só involucra ás empresas das talas, senón tamén aos propietarios das parcelas e ás administracións que fan a vista gorda e non aplican medidas contundentes. Non entendemos, por exemplo, que non se divulguen os datos de agresións, de denuncias e de sancións efectuadas. Queremos saber o final das películas. Que acontece con todas as agresións ao patrimonio que saen á luz pública? En que rematan? Por que podemos coñecer as sentenzas xudiciais e os seus implicados e non o final destes procesos que tamén afectan aos bens de todos?

Nos últimos anos, a mecanización da industria forestal está a agudizar o proceso, afectando tamén a paisaxes e bens etnográficos non catalogados, pero que figuran no patrimonio sentimental dos veciños, pero tamén a tipos de xacementos arqueolóxicos ata agora difíciles de detectar, coma os campamentos romanos de campaña.

Este é un proceso violento e agresivo para o patrimonio, pero tamén para a memoria das persoas. O futuro do eido rural non se merece un estado de alarma patrimonial continuo.