Creba dixital

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

16 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos anos, tíñase falado moito da minimización dun mal endémico de Galicia: a fenda dixital. Esta creba referíase ás diferentes capacidades e posibilidades de acceso e produción de contido de Internet por parte da poboación galega.

En Galicia había numerosas fendas dixitais: a física, que é un problemón, e que fai que nas cidades gocen dunha rede máis veloz e estable que no rural. E tamén a fenda xeracional: a xente de máis idade non se conectaba á Rede porque non o consideraba preciso, non tiña medios ou non sabía facelo. E todo iso mesturado...

Cando isto aparecía nas estatísticas, era un escándalo. Pero a extensión dos smartphones e o paso gradual de 3G ao 4G na telefonía móbil fixo que nas cifras oficiais estas fendas case desapareceran. Abondaba con que tiveras un teléfono coa aplicación de WhatsApp instalada para puntuar moi alto na sociedade da información. E, ademais, como moita xente pensaba que non precisaba máis que iso, a presión sobre os políticos para eliminar as fendas baixara moito.

Pero claro, tivo que vir un estado de alarma para revelar como está en realidade a situación. Porque unha sociedade pode usar moito os seus móbiles para consumir información, pero os teléfonos, e as conexións de datos non son bos para producir contido de calidade ou desempeñar traballos complexos. Revelou que nas casas, os ordenadores son vellos, as conexións deficientes e as habilidades dixitais de maiores e adultos mínimas. Unha trampa que encubre a enorme creba tecnolóxica do país.