Silencio

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

14 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A auga de Venecia recupera a súa transparencia, volve a haber peixes e as aves recobran a liberdade roubada. Madrid perde a boina da contaminación, coñecida como smog entre os expertos. O Copernicus Sentinel amósanos o ceo galego limpo, comparado co anterior ben distinto. Unha pomba leva un varelo no pico, dunha árbore á outra na que está facendo o seu niño, coincidindo coa Candeloria, preto dunha parella de gorrións que flirtean. As pólas axítanse co vento, a auga dun cano roto bate contra a pedra do chan. Ao fondo, escoitamos as ondas do mar petar contra a area.

Son pormenores e sons que pasaban inadvertidos antes da corentena, afeitos a escoitar ruídos das máquinas que creamos, como ese martelo pneumático que destrúe tabiques ou esa sopradora para afastar as follas das árbores, como eses molestos motores de coches que van dun lado a outro, moitas veces innecesariamente, ese ninguén que non vai a ningures que vai metendo ruído ás dúas da madrugada.

Por un tempo, recuperamos un mundo irrecoñecible nas cidades, case unha civilización morta, sen xente polas rúas. Agradéceo a nosa estrutura auditiva, que está recuperando a naturalidade para a que foi deseñada, con niveis de 30 decibelios, por debaixo do máximo recomendado pola OMS, moi por debaixo do abano dos 70 aos 100 decibelios que teñen comprobado nas nosas cidades, niveis que prexudican a nosa saúde.

Un silencio que agradecerá tamén a nosa mente, perturbada polo barullo no que vivimos Este receso deberíanos facer reflexionar: non podemos ser tan barulleiros. Pero non o imos facer, seguro.