«Ir alá»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

20 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces as cousas que máis nos definen son aquelas das que non somos conscientes. Pasoume o outro día, falando por teléfono cunha emprendedora de Barbanza que me contaba como logrou solucionar un problema que tiña coa Administración autonómica. Non lle collían o teléfono nin lle contestaban aos correos electrónicos. Soltoume esta frase: «Aquilo non se daba resolto, así que me dixen: vou ter que ir eu alá». É dicir, desprazarse ata Santiago para así conseguir desbloquear o tema. «Vou ter que ir eu alá». Eu tamén fun alá, a Google, a ver canto de habitual era esa opulenta perífrase verbal que había tanto que non escoitaba. O seu uso, cando menos na literatura galega accesible na Rede, era mínimo.

Na miña casa, e noutras como a miña, o «vou ter que ir eu alá» non se empregaba ao chou. Téñolla escoitado máis a mulleres que a homes, cando falaban de desfacer algún conflito ou situación que estaba atascada. Os papeis non se daban movido, o funcionario enredaba de máis, a operación médica se retrasaba... E alá collía a apurada muller o autobús ou un taxi, deixaba os fillos coa familia e perdía o día petando nas portas ata darlle solución ao problema cun efectivo cara a cara, que é como ao final se amañan as cousas.

A expresión sempre inclúe o dramático e voluntarioso «eu» e o clarísimo «alá», a idea de que o lugar no que se deciden os asuntos importantes está lonxe, alí onde ti non es ninguén.

Por iso non escoitarán esta expresión na fala de Santiago, ou na da Coruña, e si en Barbanza. E pode que tampouco entre os homes. Verdades ocultas nas palabras.