Quere comprar?

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

06 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tratei con José Luis Cuerda en varias ocasións. Falamos, por suposto, de viños. A primeira vez, el tiña estrés. Custáballe poñer a andar a súa adega de Gomariz. O seu viño, naquela época, tiña o gusto feito para a xente da súa quinta, pero non daba empatado con novas xeracións. Noutras veces si que puiden celebrar con el, copa na man, o milagre -porque non deixa de ser un milagre- desta vida.

Animado polos colegas adegueiros, Cuerda realizou un documental terrible, soporífero, sobre o viño do Ribeiro. O peso da historia, unha maldición da comarca, devoráralle o guión. Digo isto porque celebro aquí os seus filmes, brillantes e de corazón ancho, pero contar estas cousas que pode que hoxe non lean en ningures devólvennos ao Cuerda humano que el foi e o que a el lle gustaría ser de maior. Quero rematar cunha historia que non trata del senón da súa sombra.

Facendo unha ruta de sendeirismo en Pazos de Arenteiro, paramos nunha aldea a ver unha devalada adega medieval. Non tardou en aparecer unha vella. «Quere comprar, quere comprar?» Parecía que nos vendía centolas. «Comprar que?» «Ese pendello!», dixo, sinalando a fermosa ruína.

Máis adiante, un home, saíndonos ao camiño, ofreceunos comprar outra casa. Correra polas aldeas a nova de que un madrileño moi famoso pagara moreas de cartos por unha casa que estaba a piques de caer. Estoupara a febre da pedra! Aquela estampa de vellos avarentos, abordando a todo foráneo que pasaba para desfacerse a berros da súa herdanza secular merecería figurar nalgún dos seus filmes.