Hai un manido dito que reza: ano novo, vida nova, pero que non pasa de ser unha declaración de intencións, de cambiar algo, pero realmente pouco cambia cando se traspasa a fronteira do ano. O certo é que hai moitas cousas -que non cambian- que é necesario reconsiderar, tamén en urbanismo.
Se cada vez nacen menos nenos, se a pirámide de poboación vai deixando de selo, se a mocidade compra en centros comerciais e a través de Internet. Para que queremos tantos baixos baleiros nas periferias? Unha planta baixa sen actividade favorece rúas e lugares sen vida, abandonadas, pero tamén unha xigantesca ponte térmica para os que viven no primeiro, o que implica máis consumo enerxético e máis agresión ao planeta.
Por outra banda, se precisaramos novas vivendas -asunto bastante turbio na actualidade, agás en localidades puntuais- non é lóxico ocupar máis espazos, máis territorio, cando temos miles de baixos a ladrillo, inútiles e favorecendo o cambio climático.
Parece lóxico que a Xunta promulgue normas e dote aos concellos de ferramentas para transformar eses miles de baixos en vivendas, que poden ter un valor máis baixo porque a estrutura xa existe. As vivendas situadas nas plantas baixas son algo tradicional en Galicia, sobre todo nas vilas mariñeiras, que favorece a relación entre as persoas porque dá a oportunidade de falar cos veciños.
Para os máis pequenos, vivir nas plantas baixas favorece a socialización. Para os nosos maiores, vivir no baixo evítalle o illamento que supón subir as escaleiras. Fagamos un exercicio de racionalidade e transformemos a vida a res do chan.