Ameteoroloxía adoita agasallarnos cunhas matinais do primeiro día do ano sempre luminosas, o raro é que a noite do 31 de decembro se poña mala. Hai anos gustábame asistir a ese milagre de presenciar tardes chuviosas do día de fin de ano que se aclaraban contra as oito da tarde; o mar quedaba plano coma un prato, as rúas aparecían frescas, húmidas e limpas e así entoaban ben cos traxes cos que saír a compartir as copas da primeira alba.
O sol das matinais do primeiro día do ano casa ben co concerto de Viana, soando de fondo nas casas máis madrugadoras, e que infunde unha especie de ledicia serena nos fogares de boa parte do noso fuso horario. Ao espertar e revisar o Facebook durante o almorzo poderemos ver tamén ducias de fotografías dos señores madrugadores aos que cada 1 de xaneiro lles entra a ansia tola de saír a camiñar e nos envían as súas saudables fotos desde praias, montes e parques.
O mundo irase espertando paulatinamente, e a luz destes días fríos tocará as casas ao mediodía mentres as potas e tarteiras requentan comida que sempre sabe máis saborosa o día despois.
E tamén haberá aqueles que por fin respirarán e dirán: xa está, por fin xa pasou, déixao ir. Porque o problema das festas colectivas é que nos sitúan a cada un de nós fronte as ausencias e o que somos en relación aos demais, escenarios incómodos que nos enfrontan ás nosas verdades.
A aqueles que están en esa situación nestes intres, padecendo, dígovos que pouco falta xa. Poderedes volver agacharvos en breve. Pero agora gocemos do sol deste 2020. Ese bícanos a todos sen distinción.